O XII Encontro da Mocidade Investigadora mantén aberto o prazo para presentar traballos

Lugo,
Santiago de Compostela

A Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais dará acubillo ao XII Encontro da Mocidade Investigadora, un espazo de debate e intercambio científico entre mozos e mozas investigadoras de todas as áreas do coñecemento que terá lugar os días 9 e 10 de xullo.

O encontro está dirixido especialmente a doutorandas e doutorandos e contará con mesas temáticas, presentacións orais, pósters e espazos de networking. Quen desexe enviar un abstract para esta cita científica dispón de prazo ata o 16 de xuño, ben sexa comunicación oral ou póster e con temática aberta e multidisciplinar.

Este evento desenvólvese dende o ano 2012 co propósito de favorecer as dinámicas de colaboración, debate e difusión do coñecemento xerado entre estudantes de doutoramento. Organizado por persoal investigador das tres universidades galegas, o único requisito para participar neste encontro será ter formalizada a matrícula en calquera programa de doutoramento dalgunha delas.

O obxectivo destas xornadas é dar a coñecer as principais temáticas de cada campo de investigación, o que sen dúbida constituirá unha experiencia enriquecedora para todas aquelas persoas que se animen a participar. Así mesmo, o programa contempla a entrega de premios á mellor comunicación de cada área de investigación (Artes e humanidades, Ciencias, Ciencias da Saúde, Ciencias Sociais e Xurídicas e Enxeñaría e Arquitectura).