Santiago de Compostela
O Equipo de Investigacións Políticas da USC comprobou que o apoio ao partido que goberna e a satisfacción coa democracia resultan claves para comprender as razóns polas que a cidadanía de Latinoamérica aproba o control da información a pesar de que así se limite a liberdade de expresión. O artigo ‘Factores explicativos da difusión e control de noticias falsas no contexto latinoamericano’ publicouse en Humanities and Social Sciences Communications, a segunda mellor revista do mundo na categoría de Ciencias Sociais miscelánea segundo o índice Journal Citation Indicator da base Journal Citation Reports (JCR). Asínano Paulo Carlos López-López como investigador principal, ademais de María Pereira-López, Erika Jaráiz-Gulías e Nieves Lagares-Díez.
Esta é a primeira vez que se realiza un estudo desta natureza en países latinoamericanos, concretamente en Arxentina, Brasil, Chile, Colombia, México e Perú, e as súas conclusións veñen encher un baleiro na literatura previa e abrir novas vías de investigación, principalmente a que analiza a tensión entre a liberdade e o control informativo nese marco xeográfico. A maior parte da cidadanía latinoamericana está a favor de controlar a publicación de noticias falsas a pesar de que así se limite a liberdade de expresión, e faino fortemente condicionada por variables culturais e políticas.
As redes sociais e a televisión son os medios onde se observou a maior percepción de difusión de noticias falsas, e foron as variables de comportamento, actitudes e cultura política as que aumentaron a probabilidade de apoiar medidas de control informativo, corroborando así a hipótese de partida, na que a compoñente política era a principal causa da intención de control mediático. E a pesar de que existen diferenzas entre países, obsérvase unha vontade común como é a de pór freo á difusión de noticias falsas mesmo que iso rache coas liberdades.
“Máis que a ideoloxía ou outro factor sociodemográfico, o feito de que apoien o control de información vén determinado por quen goberna, algo que se dá en todos os países analizados, de xeito que «se gobernan os meus, apoio que a controlen»”, explica Paulo Carlos López-López, que engade: “máis importante que o «que» ou o «como» é o «quen»”.
Non obstante, para o persoal investigador as respostas poderían estar condicionadas polo papel histórico do Estado na regulación e estruturación dos medios de comunicación e as noticias. Así, explican, a medio camiño entre as nocións liberais que sustentan as relacións do Estado cos medios en termos de independencia e control, e as socialdemócratas europeas que defenden o papel positivo do Estado na definición dun sistema de medios pluralista e libre, “xurdiu un auténtico modelo mediático latinoamericano, moi condicionado polos réximes políticos e a falta dun servizo público de radiodifusión sólido”, advirten.