O uso dos Sistemas de Información Xeográfica aplicados á Historia, a debate en Humanidades

Lugo

O congreso internacional ‘Proxectos Integrais de HGIS. Investigación, innovación e transferencia’, coordinado polos profesores Rubén Castro e  Mariña Bermúdez Beloso, desenvolverase os días 8 e 9 de maio no Salón de Graos da Facultade de Humanidades da USC. O foro ten como obxectivo reflexionar sobre a incorporación e o uso dos Sistemas de Información Xeográfica á Historia como ferramentas de análise espacial, no que se deu en chamar os Historical GIS ou HGIS. Unha vintena de especialistas de 12 universidades procedentes de España, Portugal e Francia integran o programa deste congreso. Trátase da USC, UVigo, UDC, e as universidades de Salamanca, Cantabria, Málaga, País Vasco, Xaén, Évora, o Consello Superior de Investigacións Científicas, o Instituto Universitário de Lisboa e a Toulouse School of Economics.

Neste elenco están representadas as grandes disciplinas do coñecemento histórico: Arqueoloxía, Prehistoria, Historia Antiga, Historia Medieval, Historia Moderna e Historia Contemporánea, polo que se manifesta dende a coordinación unha aposta pola interdisciplinariedade e a conversa construtiva entre todas aquelas áreas que teñen incorporado nestes últimos anos os GIS ao seu estudo do pasado. “Os títulos de cada intervención, diversos en temas, tempo e espazo, amosan a versatilidade de ditos Sistemas de Información Xeográfica, capaces de adaptárense ás necesidades, ás fontes e á metodoloxía de cada etapa histórica”, explican dende o comité organizador.

A asistencia é libre e de balde, se ben é necesario inscribirse previamente a través dun formulario en liña. As persoas interesadas en asistir poden facelo tanto na modalidade presencial como telemática; en ambos os casos, sempre que se cumpra cun seguimento do 80%, emitirase un certificado de asistencia con valor formativo de 12 horas.

Programa 

Os distintos relatorios achegarán os resultados de investigación que os HGIS produciron nos últimos anos con respecto aos asentamentos paleolíticos, ao fenómeno megalítico e ao mundo castrexo no noroeste peninsular (Mesa 1); á conquista romana e á paisaxe entre a Antigüidade e a Idade Media, tamén no noroeste peninsular (Mesa 2); ás fortalezas andalusíes, aos intercambios artísticos no arco mediterráneo e a lírica profana galego-portuguesa na Idade Media (Mesa 3); á loita de bandos baixomedieval no País Vasco, á historia marítima, aos sistemas de medición antes do Sistema Métrico Decimal e ás rebelións e revoltas no mundo ibérico na Idade Moderna (Mesa 4); ás novas poboacións ao sur do Reino de Xaén en tempos de Carlos V, aos camiños históricos en Sierra Morena e á reconstrución dos límites administrativos, tanto no caso de Portugal como de Francia no século XVIII (Mesa 5); e á emigración galega a Portugal no século XIX, á paisaxe histórica no entorno de San Xulián de Samos e á cartografía da matanza golpista de 1936.

“É de salientar que detrás dos títulos anteditos atópanse en todos os casos proxectos de investigación públicos, competitivos, de natureza rexional, estatal e tamén europea, o que mostra tamén a solvencia e a relevancia das persoas, dos equipos e das liñas de investigación representadas”, sinalan.

O evento forma parte das actividades realizadas no marco do Proxecto de Investigación estatal ‘Castillae Metrum: cartografía digital de los sistemas metrológicos en la Castilla Moderna (PID-2020-118939GA-I00)’, financiado polo Ministerio de Ciencia e Innovación do Goberno de España.