O UM25 de UVigo Motorsport rodará este verán nos circuítos de Hungría e Croacia

Por primeira vez na súa historia, a escudaría universitaria UVigo Motorsport non competirá este verán en ningún circuíto español. Pola contra, optan por participar en dous dos grandes eventos europeos da competición automobilística universitaria: Formula Student East en Hungría e Formula Student AlpeAdria en Croacia.

O equipo de estudantes da Universidade de Vigo realizaron nos últimos meses as probas de acceso a diferentes competicións en todo o continente e conseguiron clasificarse para sete delas, o que implicou un longo e intenso período de reflexión para escoller cales serán as citas nas que rodarán co monopraza UM25. Como indican dende a organización, “tras tomarnos un tempo para organizar a parte loxística e tamén económica, decidimos facer un cambio radical respecto a anos anteriores, abandonando por primeira vez na nosa historia a competición española”. Así, a primeira competición para o monopraza da UVigo este ano será en Hungría entre o 28 de xullo e o 2 de agosto no Formula Student East, que se disputará no circuíto  ZalaZONE Proving Ground. Esta será a segunda ocasión na que o equipo vigués rode o seu coche neste proba, na que xa competiron en 2022. “Nesta ocasión aspiramos a mellorar os resultados obtidos hai tres anos”. 

A segunda carreira para este verán será unha novidade para UVigo Motorsport: o  Formula Student AlpeAdria, en Croacia, “unha competición cuxo prestixio crece ano a ano e que cada verán reúne os mellores equipos de Europa”. A cita será entre o 11 e o 16 de agosto no Bugatti Rimac Test Track en Velika Gorica.

Inmersos na etapa de fabricación 

Coa vista posta nestas dúas citas para finais de xullo e agosto, todos os departamentos do equipo están actualmente inmersos no proceso de fabricación do que será o UM25. “Estamos centrados en ter o coche listo para rodar e comezar a testar cousas o antes posible”. Polo momento, o que xa está finalizado é o chasis, que reduce o seu peso en preto de 10kg na estrutura tubular. 

Agora, un dos principais focos de traballo está a ser o proceso asociado á fibra de carbono, tanto por parte do Departamento de Chasis e Ergonomía como do de  Aerodinámica, coa preparación dos moldes e os primeiros laminados e ciclos de curado. Ademais, o Departamento de Electrónica está finalizando o cableado independente, á espera de ultimar detalles unha vez estea todo ensamblado no novo coche, como detallan dende o equipo.

Un UM25 impulsado con etanol, máis lixeiro, máis aerodinámico, máis seguro e cunha imaxe renovada

O UM25, respecto do seu predecesor, o UM24, terá, como avanzan dende o equipo, “moitas novidades en todos os departamentos”. No que se refire á propulsión, conseguíronse “os maiores avances en moitos anos”, comezando polo cambio de combustible, deixando de lado a gasolina para optar por primeira vez polo etanol, unha alternativa moito máis ecolóxica”. Esta decisión implica un cambio completo de todo o sistema de combustible, xuntou con outras modificacións que esixe a normativa. Ademais, engaden os estudantes, “o novo prototipo contará cun sistema de refrixeración redeseñado dende cero e un novo tubo de escape, que constitúen os cambios máis visibles no aspecto xeral do coche. 

Por outra banda, o Departamento de Chasis leva tamén traballando durante todo o ano nunha nova xeometría completa da estrutura do coche, implementando cambios de materiais e desenvolvendo simulacións complexas para poder acadar a maior redución de peso en anos pero conseguindo, ao mesmo tempo, elevar as medidas de seguridade. En canto á Aerodinámica, este departamento apostou por facer un redeseño completo do paquete aerodinámico, cambiando radicalmente a imaxe exterior do coche. Con todo, ademais de estéticos, estes cambios tamén implican unha mellora substancial das características aerodinámicas do monopraza.

No que respecta á Dinámica, levouse a cabo tamén un redeseño completo da xeometría da suspensión do coche respecto á que se emprega en anos anteriores. Ademais, tamén se incluíu unha Anti-roll bar, ou barra estabilizadora, en cada un dos eixes, para favorecer a maniobrabilidade do monopraza en circuíto. Respecto á dirección e o sistema de freada, explican os estudantes, leváronse a cabo varios cambios orientados a mellorar a fiabilidade tanto respecto a posibles fallos mecánicos, como de cara a enfrontarse ás inspeccións técnicas nas competicións.

Finalmente, no que respecta ao Departamento de Electrónica, o obxectivo principal para o novo monopraza é mellorar a fiabilidade e a seguridade do sistema, motivo polo que se optou por un novo deseño da placa de potencia. Ademais, engaden, orientouse parte do traballo a facilitar a condución mediante sistemas que permitan aos pilotos obter un rendemento maior do coche.

Todas estas melloras e implementacións poranse a proba este verán en Hungría e Croacia.