O reitor destaca os “magníficos” resultados económicos da UVigo e avanza que “deixarán feita” a convocatoria de prazas de PDI para 2026

De “magníficos” cualificou Manuel Reigosa os resultados económicos acadados o pasado ano pola UVigo, ao tempo que augurou que o orzamento aprobado para este 2025 permitirá acadar unhas contas semellantes. Ante unha situación “de nerviosismo polos cartos”, dixo, o reitor aproveitou o seu informe ante o Consello de Goberno, celebrado hoxe, para reiterar a “liquidez absoluta” da institución que dirixe, así como a intención do actual equipo de goberno, “sen querer pisar ao próximo”, de deixar o traballo feito no que se refire á convocatoria das prazas de PDI para 2026.  

Logo do seu informe, no que Reigosa tamén confirmou, entre outras cuestións que finalmente son cinco as empresas que se presentaron á nova licitación para a construción do edificio da Escola de Enxeñaría de Aeronáutica e do Espazo, na sesión de Consello celebrada este xoves, aprobouse a convocatoria de axudas propias á mobilidade de persoal investigador da UVigo para 2025, así como o Plan Estratéxico 2024-2027 do campus de especialización CREA. Así mesmo, tamén se deu luz verde con 28 votos a favor, 6 en contra de 4 abstencións ao punto da orde día que máis debate suscitou: a aprobación da tramitación das modificacións non substanciais dos títulos de Grao en Educación Infantil e Grao en Educación Primaria para a súa adaptación do RD 882/2021, que se traducirá na vinculación dos créditos de formación básica dos graos ao ámbito de coñecemento no que se inscribe o título: Ciencias da Educación, mantendo o encargo de docencia das materias actualmente asignadas ás áreas de Filoloxía Galega e Portuguesa, Lingua Española e Socioloxía.

Universidades privadas, nomeamentos, cifras económicas e prazas de PDI

A sesión ordinaria do Consello de Goberno celebrada este xoves comezou cun informe do reitor no que Manuel Reigosa reiterou a súa oposición á intención da UIE (Universidad Intercontinental de la Empresa) de implantar un Grao en Dereito, asegurando que as tres universidades públicas galegas “votaremos en contra no Consello Galego de Universidades, a menos que sexa un título complementario”. Para o reitor da UVigo, que recoñeceu unha postura “disonante” entre a Consellería e as universidades, atendendo á memoria actual, “é un título que non se debería permitir”. 

Logo de confirmar outras cuestións relevantes, como que cinco empresas se presentaron á nova licitación para a construción do edificio da Escola de Enxeñaría de Aeronáutica e do Espazo, ou que nas últimas horas a COAP aprobaba os últimos POD (Plan de Organización Docente), Reigosa centrou boa parte da súa intervención en destacar a situación financeira da UVigo, centrándose en dúas cifras: os 3,6 millóns de euros de superávit e os case 17 de remanente de tesourería dispoñible a finais de 2024. “O obxectivo dunha institución pública non é ter superávit, senón que o orzamento sexa equilibrado desde o principio e ao final e gastos e ingresos coincidan”, dixo o reitor, que lembrou que o informe independente CYD recoñece á UVigo como unha das mellores institucións en termos económicos e con máis capacidade aforro. “Somos unha universidade bastante austera, non gastamos moito e poñemos a énfase naquelas políticas que teñen que ver coa remuda xeracional e o reequilibrio en áreas e ámbitos nos que si estamos a gastar moito, pero aforramos noutras cousas”, dixo o reitor, que reiterou a liquidez absoluta da institución, “cuns resultados magníficos en canto ás contas de 2024 e un orzamento para 2025 que dará unhas contas semellantes”, avanzou. O reitor que destacou o estrito do comportamento da Xerencia cos gastos, lamentou que “mentres os outros reitores nos teñen envexa, aquí corra un ‘run-run’ de que estamos mal, e estes son datos oficiais, sen trampa, nin cartón”.

Por outra banda, Reigosa tamén aproveitou o seu informe para asegurar que “non hai paralización na saída de prazas de PDI, así como para agradecer o traballo que está a realizar o Servizo de PDI, “sacando un número de prazas moi superior a calquera outro na nosa curta historia”, nun proceso non exento de complexidades legais. Tras repasar a relación de prazas previstas para 2025 e confirmar que en outubro ou novembro se levarán a Consello de Goberno as prazas adicionais de Profesorado Permanente Laboral (PPL), avanzou a previsión de prazas para o 2026 coa intención, “para o que non queremos pisar ao próximo equipo de goberno”, dixo, de «deixar o traballo feito», a partir dunha bolsa actualizada que inclúe 25 acreditados a catedrático, 25 a titular, 65 a PPL ou contratado doutor, ao que se engaden 32 prazas de axudante doutor propias e 11 de axudante doutor do programa María Goyri. 

O reitor finalizou o seu informe dando conta dos novos nomeamentos de dúas directoras de área para apoio á Vicerreitoría de Profesorado, Laura Valencia como directora de Área de Planificación de Profesorado e Silvia García como directora de Área de Integración de Sistemas e do director de Área de Estratexia de Recursos, Dotación e Redimensionamento dos cadros del PTXAS, cargo que ocupará Xan Cebro. Sobre quen fóra presidente da Xunta de Persoal da UVigo, o reitor manifestou a súa total confianza nel e asegurou que agarda avanzar na remuda do PTXAS coa súa colaboración.

Intenso debate por mor da adaptación do RD 882/2021

Despois que fose retirado hai uns meses da orde do día do Consello de Goberno, a sesión celebrada hoxe aprobou con 28 votos a favor, 6 en contra e 4 abstencións a tramitación das modificacións non substanciais dos títulos de Grao en Educación Infantil e Grao en Educación Primaria para a súa adaptación ao RD 882/202. O visto e prace produciuse logo dun intenso debate no que, dunha banda, o equipo de goberno e o decano e a decana da facultade de Educación dos campus de Pontevedra e Ourense, e doutra, os directores e directoras dos departamentos de Filoloxía Galega e Latina, Lingua Española e Socioloxía, Ciencia Política e da Administración e Filosofía, manifestaron as súas discordancias en relación co cambio de adscrición de varias materias que se imparten en ambos os dous graos de Educación, e que logo de acordo adoptado hoxe se traducirá na vinculación dos créditos de formación básica dos graos en Educación Infantil e en Educación Primaria ao ámbito de coñecemento no que se inscribe o título: Ciencias da Educación, mantendo o encargo docente das materias actualmente asignadas ás Áreas de Filoloxía Galega e Portuguesa, Lingua Española e Socioloxía.

O vicerreitor de Titulacións e Innovación Académica, Alfonso Lago; a decana da Facultade de Educación e Traballo Social, María Isabel Mociño e o decano da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte, Óscar García, defenderon a legalidade dunha modificación, “que ao ser non substancial, non supón un cambio na natureza, obxectivos e características fundamentais da titulación”, dixo Lago. Pola súa banda, Mociño, que defendeu a decisión das xuntas de titulación de aprobar a adscrición nun momento de cambio, “que é ademais un cambio administrativo que non vai influír en nada”, dixo, tamén gabou o “traballo incansable a prol da cultura galega” que se fai desde o centro que dirixe. Mentres, Óscar García cualificou a decisión de “moi razoable”, aludindo ademais ao precedente do Grao en Ciencias da Actividade Física e do Deporte. 

En contra da aprobación das modificacións nos substanciais, a directora do Departamento de Socioloxía, Ciencia Política e da Administración e Filosofía, Cristina Caruncho, deixou claras as suspicacias que esta medida levanta nos departamentos afectados e o temor “a que as nosas materias sufran un pau”, polo que solicitan “que se recoñeza nun documento oficial que as materias quedan adscritas aos ámbitos que as inclúen”. Pola súa banda, o director do Departamento de Filoloxía Galega e Latina, Xosé Henrique Costas, cualificou a decisión de “despropósito académico e científico”, ao tempo que advertiu que “pode pasar que as áreas minoritarias seremos laminadas do ámbito da Educación” e rematou a súa intervención confirmando que o Departamento irá aos tribunais se a decisión segue adiante. Na mesma liña, o director do Departamento de Historia, Arte e Xeografía, Fermín Pérez, reiterou o prexuízo que considera que a medida supón para as áreas minoritarias, mentres que Rosa Pérez, directora do Departamento de Lingua Española, asegurou que non se trata dunha modificación “non substancial” e que nela ve “máis inconvenientes que vantaxes”. Pola súa banda, Miguel Cuevas, representante sindical do PDI, reiterou a irregularidade da decisión e lamentou que se lle intentase impoñer ás áreas minoritarias “un pacto que me parece vergoñento”. Para Cuevas “hai catro departamentos que consideran que as materias teñen que estar adscritas ao seu ámbito de coñecemento” e “non é medo a que nos quiten as materias, senón a que as redefinan”.

O reitor tomou a palabra antes da votación para afirmar que “fomos o equipo de goberno que máis apoiou a docencia en galego con máis cartos”, ao tempo que defendeu “a postura impecable das facultades, ás que no se pode acusar de ir contra do idioma”. 

Aprobación do Plan Estratéxico do Campus Crea

Despois do seu paso polo Consello de Campus de Pontevedra, o Consello de Goberno aprobou nesta xornada o Plan Estratéxico do Campus Crea para o período 2024-2027. Este documento foi presentado por Ana Belén Fernández Souto, directora de área do Campus de Especialización Crea que explicou que un dos requisitos para acadar esta acreditación é aprobar e desenvolver un plan estratéxico, “no que xa estamos traballando”, apuntou.

Previamente, o reitor lembrou que, tras a acreditación do Campus Auga en Ourense e de “distintas xuntanzas coa Secretaría Xeral de Universidades”, foi preciso “mudar cousas con respecto ao que estaba previsto” no proxecto do Campus Crea. “Algunhas dolorosas, porque houbo que deixar fóra algúns centros, na busca do ben común”, recoñeceu. Tras estas modificacións, neste plan estratéxico defínense catro liñas de especialización; as de creatividade e arte, creatividade e comunicación, creatividade e deseño e creatividade e sociedade, inseríndose no Campus Crea catro facultades e 17 titulacións de grao, mestrado e doutoramento.

Este documento recolle seis obxectivos estratéxicos, que nalgúns casos “vanse concretando”, como o da definición do seu modelo de gobernanza. Xunto a este figuran o impulso dunha formación “de alta calidade”; a creación dun “proxecto aglutinador de investigación, organizado en clústeres estratéxicos”; o fomento da cultura emprendedora, o impulso de proxectos internacionais e diversificar as fontes de financiamento do proxecto. Partindo deses obxectivos, establécese un plan de acción con tres retos prioritarios; converter o Campus Crea “no elemento aglutinador” das actividades docentes, investigadoras, de transferencia e de divulgación relacionadas coa creatividade; facer desta un “eixe de colaboración transversal” entre os grupos de investigación e “posicionar a marca Campus Crea nos ámbitos social, económico e empresarial”. 

O Consello de Goberno deu o seu visto e prace a este plan de acción por asentimento, solicitando o profesor Álvaro Xosé López Mira que constase na acta a súa abstención, motivada porque “tal e como se redeseñou” o proxecto, este “deixa fóra cinco titulacións de grao”.

100.000 euros para as axudas propias de mobilidade do PDI 

A vicerreitora de Investigación, Transferencia e Innovación, Belén Rubio, foi a encargada de presentar ante o Consello, que votou favorablemente, a convocatoria de axudas propias á mobilidade de persoal investigador da UVigo para 2025, que ten por obxecto financiar parcialmente as estadías en centros de investigación de fóra de Galicia do persoal investigador da institución para contribuír ao intercambio de coñecemento e á mellora e internacionalización da actividade investigadora.

Rubio explicou que nesta ocasión se optou por introducir cambios na convocatoria, xa que ata agora existían dous modalidades de axudas, unha para estadías de 1 a 3 meses e viaxes a congresos, que dependían da vicerreitoría, e outra dependente da Eido, Escola Internacional de Doutoramento, para estadías de menos dun mes e tamén para viaxes. Como detallaba a vicerreitora, este sistema provocaba colisións e retrasos, xa que non eran compatibles estas dúas liñas de subvencións para a mesma finalidade, polo que se decidiu modificar a estrutura. Deste xeito, a convocatoria que hoxe aprobou o Consello de Goberno, que conta cun orzamento total de 100.000 euros, comprende unicamente axudas para estadías de entre 1 e 3 meses de duración que se desenvolverán nun único período e centro entre o 16 de novembro de 2024 e o 15 de novembro do 2025. A Eido lanzará outra convocatoria que abranguerá só as axudas para viaxes a congresos e terá un orzamento de 40.000 euros, polo que o montante global para ambas accións non varía, segundo concretou a vicerreitora, e seguirá sendo de 140.000 euros entre ambas.

No caso da convocatoria para estadías aprobada hoxe, cada axuda non poderán superar os 3000 euros e a contía dependerá dos días de duración da estadía e tamén do lugar de destino. 

Cambios no calendario académico 2025/2026 e nomeamentos 

No transcurso desta sesión tamén se aprobou unha modificación do calendario académico para o vindeiro curso 2025/2026, que fora aprobado polo Consello de Goberno no mes de marzo. En concreto, cambiouse a data de celebración do patrón da EE de Telecomunicación, que aparecía inicialmente recollida para o luns 29 de setembro e pasa ao venres 26 do mesmo mes. Tamén se cambia a data límite de entrega de actas para os TFG e TFM na segunda oportunidade, pasando do 7 de setembro ao 10 do mesmo mes. A directora da EE de Aeronáutica e do Espazo, Nieves Lorenzo, tamén solicitou no transcurso da sesión cambiar a data do seu patrón do 23 de setembro, martes, ao día anterior, luns 22. 

O Consello tamén aprobou por asentimento e con carácter de “excepcionalidade” pola existencia de “dúas normas que se contrapoñen” o cambio de adscrición do profesor Diego Carou Porto (Departamento de Deseño da Enxeñaría) do campus de Ourense ao campus de Vigo, medida que conta co apoio da COAP e do departamento. Para tratar de evitar que situacións así se repitan, o reitor comprometeuse a “darlle unha volta” a unha normativa provisional e “bastante restritiva” aprobada en 2019.

Pola contra, o Consello votou en contra da creación da nova spin-off Mus Modular, orientada á explotación do software informático de xestión económica MUS (Modular Management University System), que é propiedade da UVigo. Esta decisión tómase despois de que a Comisión de Investigación celebrada o día 10 de abril de 2025 votase en contra de xeito unánime, ao considerar que a autorización da creación non procede por non chegarse un acordo de explotación do posuidor dos actuais dereitos sobre MUS, a UVigo, e insta aos promotores desta iniciativa a negociar un posible acordo de explotación.