O rastro da historia nos apelidos galegos

Santiago de Compostela

O investigador do ILG da USC Xulio Sousa e as profesoras da Facultade de Matemáticas e investigadoras do CITMAga María José Ginzo Villamayor e Rosa Crujeiras acaban de publicar un artigo na revista Names: A Journal of Onomastics que axuda a desvelar as conexións entre os apelidos, a variación dialectal e a organización histórica de Galicia.

O traballo ‘Surname  Distribution  in  Galicia:  Population Structure, Dialects, and History’ parte da análise da frecuencia e distribución territorial de 6.150 apelidos, coidadosamente seleccionados a partir do censo de Galicia de 2011, co obxectivo de identificar rexións onomásticas que permitan comprender os vínculos entre a poboación actual e procesos históricos pasados. Na investigación aplicouse o exame da isonimia da poboación galega (a frecuencia de repetición dos apelidos) combinado con métodos de análise estatística multivariante e agrupamento xerárquico.

Homoxeneidade na distribución dos apelidos
Os resultados do estudo destacan o alto índice isonímico da poboación galega, é dicir, a notable homoxeneidade na distribución dos apelidos. Este fenómeno explícase, en parte, por unha combinación de factores históricos: a escasa inmigración externa durante séculos, unha industrialización e urbanización tardías, e unha tradición rural fortemente arraigada. A investigación confirma que Galicia mantivo unha notable estabilidade demográfica ao longo do tempo. Ata ben entrado o século XX, máis do 60% da poboación vivía en aldeas de menos de 1.000 habitantes, un dato excepcional mesmo dentro de España. A dispersión de poboación favoreceu unha menor mobilidade e unha transmisión moi localizada dos apelidos.

Para lograr unha cartografía onomástica realmente significativa, o equipo investigador aplicou tres filtros cruciais ao conxunto dos datos: non se consideraron os apelidos máis comúns (como Rodríguez, González ou Fernández), descartáronse os que só aparecían nun municipio ou eran de orixe estranxeira e excluíronse os apelidos de persoas nacidas despois de 1965. Este último criterio buscaba atenuar o efecto distorsionador do proceso de urbanización, acelerado especialmente a partir dos anos sesenta do século pasado. Por outra parte, cómpre destacar a alta porcentaxe de apelidos de Galicia que teñen orixe en nomes de lugar.

Cinco grandes rexións onomásticas en Galicia
Os autores estableceron cinco grandes rexións onomásticas en Galicia, cuns límites que presentan similitudes sorprendentes con outras formas de organización territorial: a distribución de variedades léxicas do galego e os límites históricos das dioceses católicas. Ao comparar mapas onomásticos e léxicos, xorden similitudes sorprendentes: áreas que comparten unha certa homoxeneidade en apelidos tamén tenden a agruparse lingüisticamente. Por outra banda, descóbrese unha correspondencia significativa entre as cinco rexións onomásticas e as seis dioceses católicas históricas que aínda organizan a Galicia actual. Algunhas, como a de Mondoñedo-Ferrol, mostran unha notable coincidencia territorial cun dos clústeres de apelidos identificados. Este resultados convidan a pensar que a antiga estrutura eclesiástica —herdeira de divisións romanas e consolidada na Idade Media— actuou como unha forza organizativa profunda nas comunidades rurais galegas.

Os autores apuntan que estas coincidencias se deben interpretar con cautela, aínda que “son un estímulo para abrir a porta a novas liñas de investigación en lingüística, historia, xenética e antropoloxía, e consolida o papel da onomástica como disciplina clave para entender a complexidade do ser humano e as súas comunidades a través do tempo”. Máis aló do caso galego, indican, o estudo reafirma o valor dos apelidos como ferramentas para entender o pasado “xa que os apelidos non só reflicten dinámicas poboacionais, senón tamén estruturas sociais, relacións culturais e variantes lingüísticas”.
 

Mapa de dióceses de Galicia
Mapa de dióceses de Galicia