O ránking Times Higher Education destaca o rendemento da USC en once ámbitos de coñecemento

Lugo,
Santiago de Compostela

A USC logra, un ano máis, destacar nas once áreas de coñecemento que integran o ránking de Times Higher Education na súa versión por materias. Esta clasificación internacional avalía as contornas de aprendizaxe e investigadora, así como a calidade da investigación, a proxección internacional ou os procesos de transferencia das institucións académicas de educación superior en todo o mundo.

En Dereito, a Universidade de Santiago de Compostela ocupa o chanzo 301+, mentres que en Artes e Humanidades se sitúa no intervalo 301–400. 401–500 é o posto obtido pola institución compostelá en Educación, e Clínica e Saúde, sobresaíndo tamén en Psicoloxía (501–600), ou en Física, Ciencias da Computación, Ciencias Sociais, Ciencias da Vida, ou Negocios e Economía, eidos nos que acada o posto 601–800. Ademais, en Enxeñaría, a USC colócase no banzo 801–1000.

Clasificación de universidades 

Xa en outubro do ano pasado, Times Higher Education destacara o rendemento da USC ao situala no chanzo 601-800 de entre as 2.857 institucións avaliadas. En concreto e de acordo con esta listaxe, a calidade da investigación realizada, a proxección internacional e a habilidade da institución para captar investimentos procedentes do tecido industrial e para obter patentes foron os ámbitos máis destacados da USC. En total, Times Higher Education abordou 115 países e territorios de todo o mundo.

No contexto estatal, a USC ocupa o posto trece dun total de 59 institucións españolas. A listaxe estaba elaborada en base a dezaoito indicadores de rendemento estruturados en cinco áreas: docencia (29,5% da valoración final), contorna investigadora (29%), calidade da investigación (30%), industria (4%) e proxección internacional (7,5%).