O Ránking QS sitúa a USC entre as 500 universidades máis sustentables do mundo

Lugo,
Santiago de Compostela

A USC ocupa o chanzo 454 da clasificación que cada ano QS elabora en base ao nivel de sustentabilidade das universidades en todo o mundo. A edición deste ano está integrada por un total de 1.751 institucións académicas a nivel global, das cales 563 son europeas. A Universidade de Santiago de Compostela ocupa o posto 22 de entre as universidades españolas e o 204, en Europa. 

Esta é a terceira edición desta clasificación de universidades que avalía tres ámbitos: o impacto medioambiental das institucións, o seu impacto social e a gobernanza. Dentro do primeiro apartado, mídese a educación en materia de sustentabilidade (17% da puntuación final), a investigación que se realiza neste eido (13%), así como as accións que cada institución desenvolve de cara a acadar un futuro máis sostible (15%). 

O capítulo dedicado ao impacto social, abrangue os esforzos das universidades en termos de inserción laboral, así como os vínculos que se establecen co tecido produtivo (11%), o compromiso coa igualdade (12%), coa saúde e o benestar da sociedade no seu conxunto (5%), a educación e a investigación de calidade, así como a previsión do seu impacto social (7%) e o intercambio entre rexións con diversos niveis de desenvolvemento do coñecemento (10%). 

Finalmente, a clasificación toma en consideración (10% da puntuación final) se as institucións albergan una gobernanza sólida a través dunha toma de decisións aberta, un enfoque holístico, unha cultura organizacional ética, así como a posta en valor da representación estudantil en órganos de goberno da universidade e a transparencia financeira.