O ránking QS recoñece a USC entre as mellores universidades do mundo pola súa reputación académica, as redes internacionais de investigación e a sustentabilidade

O QS World University Rankings 2026 sitúa a Universidade de Santiago no ‘top’ das universidades do mundo ao outorgarlle o posto 628 de entre 8.467 institucións avaliadas (case 3.000 máis que a edición pasada) dun total de 106 países de todo o mundo. Con respecto á edición pasada, a USC supera así o chanzo 651-660 nunha tendencia á alza xa dende hai anos. A reputación académica, as redes redes internacionais de investigación e a sustentabilidade son os puntos fortes da USC, nos que se sitúa entre todas as institucións analizadas nos postos 359, 399 e 450, respectivamente.

Entre as 38 universidades de España avaliadas, a de Santiago de Compostela destaca na parte alta da táboa no número de citacións do seu persoal investigador, nas redes internacionais de investigación e no índice de empregabilidade.

Para a elaboración desta listaxe, a puntuación confórmase medindo a reputación a través de sondaxes e dunha serie de indicadores oficiais que conforman unha metodoloxía que sitúa este ránking entre os máis fiables e os máis consultados de todo o mundo.

A puntuación global que cada institución percibe confórmase en base a unhas porcentaxes aplicadas a determinadas variables. Así, as percepcións de persoas académicas de todo o mundo supoñen o 30% da puntuación total, e o número medio de citas obtidas por cada membro da institución é o 20% da nota global. A percepción dos e das empregadoras sobre que institucións están subministrando persoas graduadas mellor preparadas (15%), a capacidade das institucións para asegurar un alto índice de empregabilidade (5%), a ratio entre o número de persoal académico e estudantado (10%), a proporción de profesorado internacional, indicio de que a institución posúe unha reputación capaz de atraer persoal de fóra (5%), a participación en redes internacionais de investigación (5%), a proporción de estudantado internacional (5%) e o nivel de sustentabilidade (5%) son o resto de indicadores tidos en conta neste ránking.