O proxecto LabPlas revoluciona o estudo dos microplásticos con novas ferramentas para combater o seu impacto ambiental

Tras catro anos de traballo rastrexando a procedencia dos microplásticos presentes no medio ambiente en diferentes lugares de Europa, o proxecto LabPlas (LAnd-Based solutions for PLAStics in the Sea) baixa o pano coa celebración en Vigo da xuntanza de peche. Este martes os representantes dos 17 socios do consorcio europeo, liderado polo Centro de Investigación Mariña da UVigo, presentaron algúns dos resultados obtidos no marco deste estudo financiado polo programa H2020 que contou cun orzamento de 5 millóns de euros.

O obxectivo final era investigar as orixes terrestres da contaminación por microplásticos no mar para dotar ás autoridades europeas de evidencias científicas sólidas necesarias para fundamentar políticas eficaces de gobernanza. Para iso, LabPlas contou cun equipo multidisciplinar formado por expertos e expertas en avaliación da contaminación, modelado ambiental, química ambiental, oceanografía, hidroloxía, paleoecoloxía, ecoloxía de solos, microbioloxía, enxeñaría da auga, nanotecnoloxía, economía e transferencia de coñecemento. Dun xeito conxunto, todos os socios traballaron para rastrexar as fontes de plástico no medio ambiente, centrándose en avaliar as interaccións destes elementos cos ciclos naturais, determinar cales son as súas procedencias, a tipoloxía e o tamaño dos residuos e o seu percorrido ata chegar ao medio mariño. 

17 socios para xerar novas ferramentas, técnicas e modelos

En total, implicáronse nesta iniciativa 17 universidades, centros de investigación e empresas, procedentes de oito países (España, Alemaña, Bélxica, Reino Unido, Francia, Portugal, Países Baixos e Brasil), co investigador do laboratorio Ecotox do CIM e catedrático da UVigo, Ricardo Beiras, á fronte. Por parte da Universidade de Vigo, ademais do grupo Ecotox, participaron o Grupo de Ecoloxía Animal, coordinado por Jorge Domínguez e o grupo de Dolores Garza, Erenea (Economía dos Recursos Naturais e Ambientais). 

Segundo Beiras, durante esta xuntanza de peche “quedou patente que é impresionante a cantidade de datos recollidos, grupos de investigación participantes de diferentes países e técnicas empregadas durante o  traballo dos últimos catro anos. Agora queda exportar os datos e resultados e sacarlles partido para poder ofrecerllos e informar ás administracións, empresas e industria vinculadas coa toma de decisión a nivel de políticas de gobernanza”.

E é que os catro anos de traballo permitiron o desenvolvemento de novas técnicas e modelos para a cuantificación de pequenos microplásticos e nanoplásticos (SMNP). En concreto,  deseñáronse métodos de identificación fiables para unha avaliación máis precisa da abundancia, distribución e determinación da toxicidade dos micro e nano plásticos e as substancias químicas asociadas. Tamén se desenvolveron ferramentas computacionais prácticas para facilitar o mapeo de puntos críticos afectados por plásticos e promover unha gobernanza cientificamente sólida dos plásticos.

Con todo, o investigador principal do proxecto advirte de que “como investigadores, debemos ter en conta que un dos resultados máis útiles do proxecto é o de cambiar a perspectiva, deixar de preocuparnos polos polímeros, polietileno e outros materiais e centrar a atención nas substancias engadidas”, os aditivos que se empregan na fabricación dos plásticos. “Debido ás medidas de protección intelectual descoñecemos a composición de moitos plásticos e resulta que, en moitas ocasións, as substancias engadidas son realmente máis problemáticas que o propio material”, subliña. 

Principais avances de LabPlas

Entre os principais avances do proxecto está o desenvolvemento de ferramentas de mostraxe, ampliando a fracción de tamaño monitorizable ata 10 µm, ademais de desenvolver novas técnicas analíticas para detectar e identificar nanoplásticos por baixo de 1 µm; integración de bioensaios de toxicidade para avaliar o impacto nas redes tróficas; e desenvolvemento dun conxunto de modelos ambientais.

LabPlas tamén desenvolveu técnicas de mostraxe de campo para comprender mellor a distribución heteroxénea dos microplásticos. Ademais, determinouse o cociente entre partículas de plástico e organismos de zooplancto no Mediterráneo, un indicador relevante para avaliar os efectos dos microplásticos nas redes tróficas oceánicas.

Por outro lado, o proxecto tamén deseñou técnicas analíticas específicas para cada compartimento ambiental para unha análise fiable e robusto de microplásticos e nanoplásticos, combinando a detección baseada en partículas e masa. Tamén se analizaron polímeros e aditivos de partículas de desgaste de pneumáticos (TWP) e empregaron métodos avanzados de espectroscopia Raman, incluíndo a dispersión Raman mellorada en superficie (SERS) para detectar e identificar nanoplásticos de ata 35 nm.

Outro dos resultados foi a ferramenta POS2IDON para detectar a localización de residuos plásticos mariños flotantes e outras características oceánicas mediante imaxes satelitais de alta resolución do Sentinel-2 optimizadas con algoritmos de aprendizaxe automática.

Ademais, tamén se desenvolveron métodos de proba de biodegradación para contornas de auga doce, mariñas e chans e xerouse un marco integral de Análise do Ciclo de Vida (ACV) para avaliar plásticos biodegradables. Para comprender o impacto dos plásticos no medio ambiente ao longo das redes tróficas, desenvolveuse un Esquema de Bioensaios de Toxicidade que avalía tanto a lixiviación de substancias químicas dos plásticos como as propias partículas.

LabPlas tamén desenvolveu un conxunto de modelos ambientais para identificar ou predicir os mecanismos de transporte e a posible transferencia de substancias químicas á biota, co fin de facilitar o mapeo de puntos críticos. 

Unha base científica necesaria para a toma de decisións

A evidencia científica xerada polo proxecto LabPlas durante este últimos catro anos apoiará o desenvolvemento de políticas e estratexias de mitigación eficaces para abordar a contaminación por plásticos. Para iso, o proxecto organizou unha serie de diálogos de alto nivel, elaborou recomendacións técnicas e un curso interactivo en liña gratuíto para a sociedade civil, persoal investigador e organismos públicos.