O proxecto de aprendizaxe-servizo ‘Palabras maiores’ potencia a escritura creativa e formal entre estudantado do IV ciclo

Lugo

A profesora da área de Didáctica da Lingua e a Literatura, Noelia Estévez Rionegro, coordina dende o pasado curso o proxecto de aprendizaxe-servizo (ApS) ‘Palabras maiores: obradoiro de escritura para estudantado sénior’. Coa intención de que o estudantado do mestrado de Profesorado en ESO, Bach, FP e EOI e o mestrado en Dirección de Actividades Educativas na Natureza puxera en práctica os contidos adquiridos no marco das súas respectivas titulacións, deseñáronse unha serie de obradoiros destinados a estudantado sénior do IV ciclo, nos que se achegaron técnicas de escritura creativa e formal. Esta actividade naceu ao abeiro da Convocatoria de proxectos de aprendizaxe-servizo da USC e, xa no actual curso académico, converteuse nun proxecto en consolidación baixo o título ‘Palabras maiores: Obradoiro de expresión lingüística e corporal para estudantado sénior’.

Na primeira edición deste ApS interviñeron máis dunha trintena de estudantes da Facultade de Formación do Profesorado e máis dunha vintena de integrantes do IV ciclo universitario. Xa no actual ano académico, uníronse á profesora Estévez Rionegro, os profesores da área de Didáctica da Lingua e a Literatura Javier López Quintáns e Rocío García Pedreira. Na actualidade, as materias de mestrado participantes son Literatura e Natureza (máster DAEN) e Innovación docente e investigación educativa na área de Linguas e Didáctica das Linguas Estranxeiras (máster de Profesorado), cun total de 37 estudantantes participantes nos obradoiros dirixidos a  36 estudantes sénior. “Alén de continuar a traballar a expresión lingüística, incorpórase tamén a expresión corporal como parte fundamental da comunicación non verbal”, destaca a coordinadora da actividade. 

Tal e como asegura Noelia Estévez, “o estudantado de IV ciclo, malia formar parte da comunidade universitaria, está desvinculado dos demais colectivos de estudantes. Existe, por unha banda, unha necesidade de interacción interxeracional e, por outra, de aproveitamento do potencial intelectual e artístico do estudantado sénior, que comporte beneficios na súa formación académica e na súa vida social e persoal”.

Materias afíns 

Para o deseño do obradoiro, o estudantado de mestrado observou previamente a necesidade de achegar metodoloxías prácticas e innovadoras aos programas de formación sénior e escolleu grupos que cursaban materias de IV ciclo cun perfil afín a aquelas do mestrado nas que se desenvolve o Aps. Así, o estudantado de ‘Literatura e natureza’ (máster DAEN) encargouse de impartir os obradoiros para os estudantes sénior de ‘Cultura e Paisaxe’; o estudantado de ‘Innovación docente e investigación educativa na área de linguas’ (mestrado de profesorado) para os de ‘Literatura contemporánea’; e os estudantes de ‘Didáctica das linguas estranxeiras’ (mestrado de profesorado) para os de ‘Educación física saudable’.

“O estudantado de mestrado ideou, planificou e impartiu o obradoiro e guiou o desenvolvemento das actividades, prestando axuda e atendendo as distintas circunstancias das persoas participantes. Finalmente, valorou o traballo realizado e reflexionou sobre propostas de mellora”, sinala a profesora Estévez. Por medio deste ApS, os educadores en formación, continúa, “teñen a oportunidade de desenvolver metodoloxías innovadoras coas que solventar necesidades formativas doutros colectivos de estudantes, poñendo en práctica os coñecementos adquiridos nas materias de mestrado implicadas”. Pola súa banda, o estudantado de IV ciclo recibe un achegamento práctico con técnicas renovadas que complementa a súa formación e esperta o seu potencial creativo mediante o emprego da linguaxe verbal e corporal. Finalmente, créase unha interacción interxeracional entre colectivos estudantís “enriquecedora e perdurable no tempo”, matiza a coordinadora. 

Desenvolvemento sustentable 

Tal e como salientan dende a iniciativa, o servizo prestado non só cumpriu coa finalidade didáctica, senón que tamén tivo un impacto a nivel emocional, tanto polas conexións interxeracionais como polos pensamentos, sentimentos e lembranzas canalizadas a través das diferentes actividades de expresión lingüística, literaria e corporal desenvoltas e compartidas entre todas as persoas participantes. Deste xeito, non só se dá consecución ao Obxectivo de Desenvolvemento Sustentable 4, sobre a educación de calidade, senón tamén ao 3, sobre saúde e benestar, “en tanto que a expresión corporal contribúe á saúde física e a literaria pode concibirse como terapia para a mental”, destacan. 

Co proxecto desenvolvido estreitáronse lazos entre o estudantado sénior e o de mestrado, achegando a cada persoa unha nova perspectiva da vida académica. “É especialmente relevante para o profesorado en formación coñecer de primeira man distintos perfís de estudantado, como tamén o é para o estudantado sénior recibir formación adicional con técnicas e ambientes renovados”, conclúe.