Santiago de Compostela, 13 de novembro de 2024
O director xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea, Jesús Gamallo, compareceu hoxe na Comisión 1ª do Parlamento de Galicia para facer balance sobre o programa Iacobus de cooperación transfronteiriza en materia cultural, científica e pedagóxica entre universidades e centros de ensino superior. Segundo indicou, desde o seu inicio en 2014 máis de 1.400 persoas participaron nas once convocatorias desenvolvidas, nas que a Xunta investiu 1,7 millóns de euros.
O director xeral lembrou que o programa Iacobus se creou para fomentar a cooperación e o intercambio entre os recursos humanos das universidades e centros de ensino superior de Galicia e do norte de Portugal, co obxectivo de desenvolver a investigación científica e tecnolóxica na eurorrexión. Na actualidade participan na iniciativa 41 entidades, trala incorporación este ano do Centro Tecnolóxico do Clúster da Acuicultura (Ribeira) e o Centro de Tecnologia e Inovação Industrial (Arcos de Valdevez). Así, as diferentes modalidades de actuación están dirixidas ao profesorado, persoal investigador e persoal de administración e servizos.
Jesús Gamallo indicou que esta iniciativa vén xerando unha rede de investigadores e interaccións entre grupos científicos que produce un gran valor para a eurorrexión. “Isto crea un verdadeiro espazo de integración transfronteiriza entre universidades, institutos politécnicos, centros tecnolóxicos e fundacións biomédicas, no que son os propios participantes no programa os que actúan como nodos transmisores de coñecemento e actores da cooperación transfronteiriza”, afirmou.
Tras a súa creación, o programa reforzouse en 2018 coa convocatoria de axudas ás publicación científicas (Iacobus papers), que nas súas seis convocatorias axudou ao desenvolvemento de 323 artigos conxuntos co obxectivo de ser publicados en revistas científicas indexadas como no Journal Citation Report ou no Scopus, segundo sinalou o director xeral. Na intervención referiuse tamén a IACOBUS Patentes, unha terceira vía de acción para promover a valorización económica da I+D+i da eurorrexión, que ofrece axudas para utilizar a propiedade industrial como ferramenta de protección das innovacións.
Continuidade garantida
Como peche, o director xeral afirmou que a continuidade do Iacobus está garantida grazas ao financiamento do programa europeo de cooperación transfronteiriza POCTEP e que, ata a data, conta con máis de dous millóns de euros investidos. Como novidades, prevese a institución dun congreso bianual de intercambio de coñecemento e a creación dunha revista científica especializada en áreas de interese propias da eurorrexión.