Lugo,
Santiago de Compostela
As sete máquinas Reciclos instaladas en diferentes puntos da USC recolleron ao longo de 2024 un total de 984 latas e 9.130 botellas. Estas cifras supoñen un incremento do 7,5% con respecto ao ano anterior e evidencian o compromiso da comunidade universitaria coa práctica da reciclaxe a través do Sistema de Devolución e Recompensa (SDR) de Ecoembes, unha experiencia pioneira nos campus universitarios. O Campus de Lugo sumouse o ano pasado a esta iniciativa coa instalación dunha máquina Reciclos no vestíbulo da Biblioteca Intercentros, así como a Residencia Universitaria do Burgo das Nacións, en Compostela.
A USC converteuse na primeira universidade de Galicia en contar con este sistema de recompensa, avanzando así na súa implicación coa economía circular e cun impacto positivo no medioambiente a través da reciclaxe. De feito, dende a implantación do programa en 2022, recicláronse un total de 22.668 envases, entre latas (2.051) e botellas (20.303). Segundo subliñou o vicerreitor de Transformación Dixital e Innovación, Gumersindo Feijoo Costa, o programa RECICLOS “contribúe, a través dun xesto tan sinxelo como é o da reciclaxe, a potenciar o respecto polo medio ambiente e subliña o compromiso da USC cos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible”.
Proceso
As persoas usuarias só teñen que descargarse a app gratuíta Reciclos, depositar todas as súas latas e botellas de plástico de bebidas na máquina e, ao acabar, escanear o QR que se lles mostrará. Ao facelo, obteñen puntos, denominados Reciclos, que poden cambiar por distintas recompensas dispoñibles, como colaborar co Banco de Alimentos ou con Oceánidas, para axudar a conservar o fondo mariño. Ademais, con motivo do Día Mundial da Loita contra o Cancro de Mama que se conmemora cada 19 de outubro, os puntos puideron ser trocados por doazóns para a Asociación Española contra o Cancro.
Na actualidade, alén das máquinas de Lugo e do Burgo, existen outras cinco que se atopan na Escola Técnica Superior de Enxeñaría, Facultade de Matemáticas, Biblioteca Concepción Arenal, Ciencias Económicas e Empresariais, e no módulo central das facultades de Psicoloxía e Ciencias da Educación.