O Programa de Retención de Talento da Universidade de Vigo permitirá este ano darlle continuidade na institución académica viguesa a catro investigadoras e dous investigadores María Zambrano, “seis persoas que demostraron ter un nivel investigador excelente e que grazas a esta iniciativa poderán continuar nos seus grupos esa traxectoria”, tal e como destaca a vicerreitora de Investigación, Transferencia e Innovación, Belén Rubio, quen defende a continuidade dun programa que poucas universidades españolas conservan pero que, ao seu modo de ver, permite dar continuidade ao persoal investigador doutor ata acceder a programas máis competitivos como o Ramón Cajal ou a propia estabilización definitiva na Universidade.
Desde 2018 beneficiáronse desta iniciativa máis de medio cento de investigadoras e investigadores dos que boa parte son xa persoal permanente da UVigo. “Dos de 2019 temos nove titulares, un contratado doutor, un axudante doutor, dous Ramón y Cajal, que se estabilizarán nos vindeiros meses, e, incluso, un catedrático”, recalca a vicerreitora.
As e os seleccionados nesta edición son Antonio Cid Samamed e María Shantal Rodríguez Flores, investigadores do Instituto de Agroecoloxía e Alimentación, IAA; María Talavera Nevado, do Centro de Investigación en Tecnoloxías, Enerxía e Procesos Industriais, Cintecx; ; Noela Belén Sánchez Carnero, do Centro de Investigación Mariña, CIM; Elena Gómez, do grupo FEQxLab, da Área de Enxeñaría Química, e Daniel Hermida Merino, do Departamento de Física Aplicada.
Shantal Rodríguez, estudosa dos produtos apícolas e Vespa velutina
No caso de María Shantal Rodríguez, do grupo de investigación en Sistemas Agroambientais do IAA, as súas achegas científicas céntranse na autenticidade e posta en valor de diferentes produtos apícolas e no estudo da Vespa velutina, debido ao impacto desta especie na produción do mel. “ A miña experiencia permitiume dirixir tarefas de tipificación e autenticación do mel galego e doutros produtos apícolas”, un traballo co que contribuíu ao desenvolvemento de novas normativas e á diferenciación dos produtos, evitando fraudes ao consumidor e incrementándose o valor comercial deste produto.
Para ela ser unha das persoas seleccionadas para participar neste programa prodúcelle unha gran sensación “de tranquilidade e alivio”, e tamén de “enerxía renovada para seguir facendo valiosas contribucións á comunidade científica xunto ás miñas compañeiras de laboratorio, especialmente das profesoras Olga Escuredo e Carmen Seijo, sen as cales non tería alcanzado esta axuda”.
María Talevera, uso de terapias fototérmicas en medicina
Química de formación, María Talavera, do grupo de Novos Materiais do Cintecx comezou a súa carreira investigadora na Universidade de Vigo cunha liña de investigación centrada no estudo de sistemas metalaaromáticos, “compostos tipo grafeno, pero de menor tamaño, nos que algunhas unidades CH (carbono-hidróxeno) se substitúen por un metal de transición”. Na actualidade estuda a súa aplicabilidade a distintos campos, centrándose na medicina, a través dunha técnica coñecida como terapia fototérmica “que se basea na emisión de calor dos compostos que se preparan no laboratorio para así quecer de maneira selectiva as células canceríxenas ou as infeccións”.
Sobre o que supón para ela esta axuda destaca dúas vertentes: por unha banda, permítelle seguir adiante coa súa liña de investigación e, pola outra, continuar formándose como docente universitaria.
Antonio Cid, experto en depuración de augas
Antonio Cid, do Grupo de Investigacións Agrarias e Alimentarias do IAA, centra a súa investigación no uso de biomateriais para deseñar diferentes nanomateriais intelixentes que xeran novas ferramentas para detectar, agregar e eliminar de forma eficiente os micro e nanoplásticos das augas efluentes das Estacións Depuradoras de Augas, EDA. “Desenvolverei nanonadadores baseados en hidroxiapatita (HANS) que usan tres estímulos diferentes para mellorar a heteroagregación de nano e microplásticos como unha nova metodoloxía de eliminación destes contaminantes”, subliña o investigador.
A súa idea é chegar a acadar un contido de nano e microplásticos próximo a cero nas augas efluentes das EDA, o que mellorará a calidade da auga para o consumo humano e a reutilización dos lodos.
Daniel Hermida, na procura de novos materiais ‘intelixentes e verdes’
Daniel Hermida, do Departamento de Física Aplicada, desenvolveu a meirande parte da súa carreira investigadora no estranxeiro e, máis concretamente, no Laboratorio Europeo de Radiación Sincrotrón, máis coñecido como ESRF, un centro de investigación multinacional situado en Grenoble, Francia, que conta cun sincrotrón de electróns exclusivamente dedicado á produción e utilización de luz sincrotrón con fins científicos. “O novo contrato permíteme axustar o meu CV ao sistema universitario español xa que, tras rematar a titulación na Universidade de Vigo realicei o doutoramento, posdoutoramento, etc. no estranxeiro”, indica Hermida.
A súa liña de investigación na UVigo céntrase na xeración de novos materiais intelixentes con propiedades ambivalentes baseados en sistemas multicompoñentes poliméricos con capacidades multifuncionais, “con especial fincapé no uso de enfoques verdes debido ao aumento das demandas da sociedade en materia de políticas bioambientais”, explica o investigador.
Elena Gómez, innovación para a saúde a partir de residuos do viño
Investigadora do grupo FEQxLab, da Área de Enxeñaría Química, Elena Gómez Costas, centra a súa liña de investigación na revalorización dos residuos da industria vitivinícola, residuos que carecen de valor económico no contexto no que son xerados pero que son unha rica fonte de compostos bioactivos, entre os que destacan os polifenois, compostos que espertan un grande interese polo seu potencial valor nutricional e terapéutico. “A miña liña de investigación céntrase en lograr unha separación selectiva destes compostos polifenólicos de alto valor para a industria farmacéutica”, destaca a investigadora, ao que engade que para conseguilo desenvolverá unha secuencia de extracción selectiva, empregando disolventes respectuosos co medio ambiente.
“Este proxecto non só busca contribuír ao aproveitamento de recursos derivados da industria vitivinícola, senón tamén impulsar a creación de produtos innovadores e sostibles que poidan beneficiar a saúde humana e o benestar”, recalca Gómez.
Noela Sánchez, sondas acústicas para o estudo dos fondos mariños
Para a investigadora do CIM Noela Belén Sánchez Carnero, a noticia de que era unha das investigadoras seleccionadas no Programa de Retención de Talento case lle coincidiu no tempo coa obtención dunha das prazas de consolidación convocadas pola Axencia Estatal de Investigación, polo que a súa intención é, non vindeiros días, renunciar á axuda da UVigo para que poida pasar a outra persoa.
Investigadora do grupo de Físca da Terra, Gofuvi, a súa investigación céntrase no emprego de sondas acústicas de banda ancha para o estudo dos fondos mariños, en xeral, e, máis particularmente, na cartografía de bancos de bivalvos, recursos de elevada importancia nas rías galegas. “Coa liña de investigación que imos desenvolver, xunto con colaboradores da UNED, da Universidade da Coruña e do CONICET, en Arxentina, pretendemos sacar o máximo partido a todas as novas posibilidades que se abren por esta tecnoloxía, e publicar os métodos desenvoltos en código aberto, para axudar así á súa difusión e uso”, recalca a investigadora.