O catedrático de Psicoloxía Social e membro do Cretus da USC José Manuel Sabucedo Cameselle ingresou este xoves na Academia Española de Psicoloxía, cun discurso sobre Psicoloxía da política no que abordou a irrupción dos extremismos en contextos democráticos e os seus efectos, como os comportamentos grupais poden xerar comportamentos antidemocráticos e como a psicoloxía social pode contribuír a analizar e, no seu caso, axudar a previr consecuencias non desexadas.
Sabucedo foi elixido por unanimidade como académico e ocupará o asento 43 da Academia, que recoñece a súa contribución ao desenvolvemento da Psicoloxía como iniciador da Psicoloxía Política en España e promotor desta área en Latinoamérica así como na análise da percepción, participación social e compromiso ambiental.
José Manuel Sabucedo
Destacado membro da International Society of Social Psicology, Sabucedo foi promotor e primeiro decano da Facultade compostelá e foi tamén promotor e primeiro presidente da Sociedade Científica Española de Psicoloxía Social da que hoxe é presidente de honra. Ocupou ademais entre 2010 e 2017 o cargo de editor do International Journal of Social Psycholoy.
Director de 25 teses de doutoramento, 5 delas con mención internacional e outra tantas con premio extraordinario, liderou ou participou nunha vintena de proxectos de investigación internacionais, estatais e autonómicos así como en nove contratos de investigación con empresas e institucións. É autor, editor e coeditor de 19 libros e doutros 25 capítulos de libro ademais de ter publicados 117 artigos. Realizou estadías de investigación nas Universidades de Loughborough (reino Unido) e Free University de Amsterdam.
A súa traxectoria profesional foi recoñecida coa Medalla de ouro da Facultade de Psicoloxía da USC en 2002, co Premio Eugenio Montero Ríos de Investigación Social en 2006 dos Premios Galicia de Investigación que outorga a Xunta de Galicia, coa Medalla Domingo García-Sabell Rivas de Investigación en Ciencias Económicas e Sociais da Real Academia Galega de Ciencias en 2020 e moi recentemente co Premio Ibérico de Psicoloxía concedido polo Consello Xeral da Psicoloxía de España e a Orde dos psicólogos portugueses.