O profesor Diego Sande Veiga recibiu o premio Manuel Colmeiro de investigación

O profesor de Economía Aplicada da USC Diego Sande Veiga acaba de recibir a vixésimo sexta edición do premio Manuel Colmeiro de investigación polo traballo titulado As políticas rexionais de innovación empresarial en Galiza. Análise de resultados no tecido produtivo a través do fondo tecnolóxico. O traballo premiado, que será obxecto de publicación, trata a problemática da eficiencia na planificación, deseño e implementación das políticas europeas de innovación rexional na Comunidade Autónoma, así como das dificultades na absorción de recursos europeos por parte do tecido produtivo.

Diego Sande recibiu o premio de mans do conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, e da directora da EGAP, Sonia Rodríguez-Campos, a quen tamén acompañou o presidente do xurado, Jaime Rodríguez-Arana Muñoz. O premio Manuel Colmeiro pretende incidir na promoción e o impulso dos estudos multidisciplinares sobre a administración pública galega, ao tempo que ser punto de partida a outros profesionais e investigadores para coñecer con maior profundidade o sector público dende as súas diversas vertentes científicas. O galardón toma o seu nome do destacado xurista, responsable de importantes achegas tanto ao Dereito Administrativo como ao Dereito Político e á Economía.

Diego Sande Veiga
Diego Sande Veiga é membro do grupo de investigación ICEDE (Innovación, Cambio Estrutural e Desenvolvemento) da USC e colabora, tamén, co IGADI (Instituto Galego de Documentación Internacional). As súas principais liñas de investigación céntranse no estudo do impacto das políticas europeas na innovación rexional, na análise de políticas de innovación medioambiental e tecnoloxías, nas políticas económicas internacionais e noutras políticas públicas.

É membro do consello de redacción da revista Tempo Exterior e realizou estadías en diversas universidades internacionais, ademais de participar en numerosos congresos estatais e internacionais. É autor de diversas publicacións, tanto de libros como artigos en revistas científicas e técnicas, alén de colaborar con diversos medios de comunicación. Ademais é funcionario de carreira en excedencia, doutor en Ciencias Económicas e Empresariais e cursou formación de mestrado e posgrao en diversas áreas como o desenvolvemento económico e a innovación, comercio e promoción exterior, prevención de riscos ou formación pedagóxica.
 

De esquera a dereira, Miguel Corgos, Diego Sande, Sonia Rodríguez-Campos e Jaime Rodríguez-Arana
De esquera a dereira, Miguel Corgos, Diego Sande, Sonia Rodríguez-Campos e Jaime Rodríguez-Arana