O presidente do Consello do Estudantado intégrase na Permanente do Consello do Estado

O presidente do Consello do Estudantado da USC, o estudante de último curso de Veterinaria Andrés Couso Viana, acaba de ser elixido vogal da Comisión Permanente do Consello de Estudantes Universitario do Estado (CEUNE) e membro do Observatorio de Bolsas.

Desde que accedeu á Universidade, Andrés Couso forma parte de diversos órganos de representación estudantil da USC, comezando polo seu centro. En 2023 foi elixido vicepresidente de Organización do Consello do Estudantado, órgano que preside dende abril de 2024. Ademais, é membro da Axencia para a Calidade do Sistema Universitario Galego (ACSUGA) e participo en CREUP, CEUNE e a Student Board da Alianza Europea EUniWell á que pertence a USC.

Para ser elixido vogal da Comisión permanente presentouse cun programa no que poñía o énfase no Estatuto do Bolseiro e a Bolseira, o Estatuto do Estudantado e os dereitos relativos ás prácticas externas “co obxectivo de impulsar os grupos de traballo xa establecidos e promover o benestar estudantil, particularmente na conciliación da vida académica con outras facetas persoais e laborais”.

Así mesmo, comprométese a traballar no seguimento e cumprimento das mocións aprobadas polo Pleno, como a recuperación de bolsas e a explorar novas áreas de intervención para fortalecer os dereitos do estudantado e mellorar a súa experiencia educativa.

En canto á CEUNE, propón impulsar a súa visibilidade, a creación de novas alianzas con entidades e administracións e a coordinación cos consellos de estudantes autonómicos para mellorar a representación estudantil. Ademais, traballará para fomentara a colaboración estreita con asociacións vinculadas á representación universitaria e fortaleceranse os vínculos con axencias de calidade para mellorar os estándares do Sistema Universitario.

Finalmente, Andrés Couso formúlase como reto traballar na creación e fortalecemento de relacións internacionais para colaborar co estudantado global e apoiarse en organismos internacionais para implementar as políticas do CEUNE. “As accións clave -asegura- incluirán avanzar en alianzas europeas de maneira coordinada, colaborar con axencias de calidade universitaria de países que adoptan o European Approach, manter vínculos coa European Higher Education Area (EHEA) para influír na política universitaria europea e desenvolver lazos institucionais con organizacións da ONU relacionadas coa educación superior e o seu acceso.

Comisión Permanente do CEUNE
A Comisión Permanente, órgano executivo de traballo entre as sesións do Pleno do CEUNE, está composta pola ministra de Ciencia, Innovación e Universidades, o secretario xeral de Universidades e seis estudantes. Entre as súas funcións figuran establecer o plan de xestión do CEUNE, resolver os asuntos urxentes cando o Pleno non poida reunirse e traballar de forma constante co equipo de universidades do Ministerio.