Dende hai dúas décadas, a Universidade de Santiago conta cun programa de visitas guiadas ao seu patrimonio na cidade histórica que ten por obxecto achegar os seus tesouros artísticos a toda a cidadanía e así contribuír á súa posta en valor.
Para facilitar o coñecemento de todo o vasto patrimonio da Universidade de Santiago, o programa de visitas amplíase este ano tamén ao Xoves e Venres Santo e mailo sábado nos seus tres percorridos e horarios habituais: un de 25 minutos centrado no Colexio de Fonseca, outro de unha hora e cuarto para coñecer os Colexios de Fonseca e de San Xerome e un terceiro da mesma duración que percorre Fonseca e a Facultade de Xeografía e Historia.
Para poder participar neste programa é preciso facer a reserva previa no caso de grupos organizados ou mercar os billetes na tenda oficial da USC emprazada na Rúa do franco xusto na entrada do Colexio de Fonseca.