Santiago de Compostela
O sábado 29 de marzo producirase unha eclipse parcial de Sol que será visible desde o nordeste de América, Océano Atlántico, Groenlandia, noroeste de África, case toda Europa e na parte occidental de Rusia. En Galicia, a Lúa comezará a interpoñerse entre o Sol e a Terra ás 10.43 horas, terá o seu máximo ás 11.39h e finalizará ás 12.39. Na costa occidental galega, no máximo da eclipse a Lúa vai ocultar un 42% do diámetro do Sol e un 32% da súa superficie.
O Observatorio Astronómico Ramón María Aller da USC fará unha sesión didáctica pública do seguimento desta eclipse entre as 10:30 e as 12:45. Utilizarán dous instrumentos que proxectaran a imaxe solar e facilitarán algunhas gafas especiais que as persoas asistentes compartirán. Dende o Observatorio advirten de que para a súa observación é imprescindible dispoñer da protección ocular necesaria, dispoñible en ópticas, e nunca gafas normais de sol ou radiografías. A seguridade total conséguese tamén proxectando a imaxe solar sobre unha cartolina.
Comeza unha xeira de eclipses solares
O fenómeno deste vai ser o que inaugure unha xeira de eclipses solares que continuarán nos vindeiros anos ata 2028. Especialmente rechamante será o do 12 de agosto de 2026 xa que vai ser total nunha franxa que atravesará a Península en diagonal dende Galicia e o Cantábrico ata o Mediterráneo. En comarcas do norte e leste de Galicia verase como total cunha duración de máis dun minuto preto das 20:30 horas. Cidades como A Coruña, Ferrol ou Lugo gozarán da totalidade, pero tamén curiosamente Valdeorras, comarca na que puido verse a última eclipse total de Sol na Península en 1912. Ramón María Aller estaba daquela no Observatorio Ocharan de Castro Urdiales, dende onde sacou unha foto que o Observatorio Astronómico da USC aínda conserva.
