Salceda de Caselas (Pontevedra), 27 de xaneiro de 2025
A directora xeral de Formación e Cualificación para o Emprego, Zeltia Lado, asistiu á inauguración do programa integral de emprego de Salceda de Caselas que conta cun apoio da Xunta de 220.000 euros. Alí tamén estivo a alcaldesa do municipio, María Dolores Castiñeira. Grazas a esta iniciativa, un total de 100 persoas de colectivos con especiais dificultades de acceso a un posto de traballo recibirán formación para o emprego coa posibilidade de realizar prácticas profesionais non laborais en empresas en consonancia co contido teórico-práctico das accións formativas.
En concreto, o alumnado recibirá orientación, asesoramento e información profesional e formación empresarial, para o que as entidades promotoras dos proxectos contarán co persoal para o efecto. Tamén se lles proporcionarán técnicas de motivación para o emprego e intelixencia emocional, habilidades sociolaborais e obradoiros de entrevista, fomento da capacidade emprendedora, prospección empresarial, práctica laboral e mobilidade xeográfica.