Santiago de Compostela
O profesor José Martín Carreira Villamor continuará profundando “na excelencia docente e investigadora” na súa nova etapa como decano da Facultade de Medicina e Odontoloxía. Así o puxo de manifesto este xoves 19 no seu discurso de toma de posesión, un acto presidido polo reitor Antonio López Díaz, que tamén contou coa intervención do decano saínte, o profesor Julián Álvarez, e coa participación da secretaria xeral, Dulce María García Mella, quen deu lectura ao nomeamento. Carreira Villamor destacou que os logros deste centro “están baseados no esforzo e na dedicación histórica” da súa comunidade, “unha das sinais de identidade” da Facultade.
En relación ao debate sobre a organización dos estudos de Medicina en Galicia o reitor reivindicou a vixencia do acordo asinado en 2015 entre as universidades galegas e a administración autonómica para a descentralización da docencia aproveitando todas as capacidades que achegan os sistemas sanitario e universitario galegos. Antonio López subliñou a validez deste acordo e apelou a avanzar, tomando como punto de referencia a Facultade de Medicina e Odontoloxía da USC, no aproveitamento das capacidades do sistema asistencial público galego para deste xeito implicar profesionais dos centros hospitalarios no proceso formativo que se desenvolve na Facultade da USC. Neste senso, para atender a remuda xeracional do profesorado vinculado a curto e medio prazo que asegura a mellor docencia, o reitor lembrou a necesidade de que todos os hospitais e as capacidades do SUG se impliquen ao unísono.
O reitor tamén demandou responsabilidade na xestión dos fondos públicos referíndose ao proceso de reforma integral no que se atopa o actual edificio da Facultade de Medicina e Odontoloxía, no que se levan xa investidos case dez millóns de euros. Esta reforma é froito dun plan aprobado e referendado polos distintos órganos de goberno da USC en base ás achegas realizadas dende os diferentes colectivos da Facultade. Este enfoque responde a unha decisión adoptada dende a óptica institucional e non dende unha perspectiva particular, explicou o reitor.
Retos
O novo decano comezou facendo un repaso aos catorce anos nos que exerceu como vicedecano de Docencia Clínica, periplo non que, tal e como destacou, “o traballo en equipo permitiu que se puidera dar un cambio exponencial na actividade da Facultade de Medicina e Odontoloxía”. A seguir, o profesor puxo o foco nos retos que se formulan de cara aos vindeiros seis anos, desafíos aos que pretende facer fronte con “diálogo e consenso”. Así, entre os seus obxectivos atópanse a promoción do uso do galego no centro, renovar a acreditación do grao en Medicina e a implantación do grao reformado, así como solicitar a acreditación da titulación de Medicina pola Federación Mundial para a Educación Médica (WFME) para obter o selo internacional.
Reforzar o profesorado da Facultade e o Persoal Técnico de Xestión de Administración e Servizos figuran tamén entre os obxectivos do profesor Carreira para o seu mandato, alén de promover a participación da comunidade universitaria, impulsar unha maior docencia con técnicas de simulación, a inclusión da Intelixencia Artificial, ou mellorar a dotación dos laboratorios, entre outros aspectos.
Ademais, no capítulo relativo a Odontoloxía, o decano destacou como retos o proceso de reacreditación actualmente en curso, a adaptación do plan do grao segundo os requirimentos europeos, a ampliación da dotación para prácticas con microscopios ou simuladores, entre outro material; e completar o proceso de remodelación do edificio. O novo decano destacou en relación á formación que neste ámbito se imparte dende a USC “o nivel que presenta a saúde bucodental e o gran recoñecemento a nivel nacional e internacional da Odontoloxía”.
O decano saínte, Julián Álvarez Escudero, agradeceu “por xustiza” a toda a comunidade universitaria o apoio recibido nestes oito anos de goberno e especialmente ás persoas que integraron os seus dous equipos de goberno, así como ao SERGAS, ás consellarías con competencias en Sanidade e Educación e centros hospitalarios. O profesor rematou afirmando a gran honra que lle supón ter sido decano da Facultade de Medicina e Odontoloxía da USC.
O equipo decanal completarano Álvaro Hermida Ameijeiras, vicedecano de Clínicas e Estudantes; Luís Lima Rodríguez, vicedecano de Calidade; Mónica Pérez Ríos, vicedecana de Intercambios; e María Jesús Mora, vicedecana de Odontoloxía. Actuará como secretaria académica, María Jesús Tabernero Duque; e serán coordinadoras dos graos de Medicina e Odontoloxía, Ángela Torres Iglesias e Pilar Gándara Vila, respectivamente.
Currículo
Carreira leva co dirixidas 14 teses doutorais e titorizado 176 TFG e é autor de medio cento de capítulos de libros tanto estatais como estranxeiros e o volume Diagnóstico y Terapéutica Endoluminal. Radiología Intervencionista no que participaron máis de 170 colaboradores de todo o mundo. Interveu ademais nun proxecto no que conflúen a análise de imaxe e a radioloxía vascular que culminou con varias publicacións entre as que destaco a publicada na revista Medical Image Analysis, que supón unha das primeiras aproximacións ao diagnóstico automatizado en imaxe médica.
Carreira é membro da Sociedade Española de Radioloxía Médica (SERAM), da Sociedade Española de Radioloxía Vascular e Intervencionista (SERVEI), da European Society of Radiology (ESR) e da Cardiovascular and Interventional Radiological Society of Europe (CIRSE). Ten participado en 31 proxectos de investigación financiados, 30 contratos de investigación con empresas e dúas patentes.
En 2018 obtivo o Premio á Profesión en Radioloxía outorgado pola Sociedade Española de Radioloxía Médica e en 2020 o Barrié de la Maza como primeiro asinante dun traballo de Investigación Médica. É ademais académico correspondente da Real Academia de Medicina de Galicia.



