O manexo da dor crónica e os seus desafíos, a debate nunha xornada en Psicoloxía

A dor crónica afecta o 20% da poboación europea e representa un grave problema de saúde pública, social e económico. A pesar da súa alta prevalencia e do impacto que ten na calidade de vida, continúa a ser unha condición infradiagnosticada e tratada de forma insuficiente, moitas veces limitada a tratamentos farmacolóxicos pouco efectivos ou con efectos adversos.

Neste contexto, no marco do proxecto PAINLESS Horizon Europe Project que lidera na USC a catedrática de Psicoloxía Teresa Carrillo de la Peña, a Universidade de Santiago de Compostela e a FINNOVA Foundation organizan este venres 6 a xornada de traballo ‘Retos no manexo da dor crónica no territorio transfronteirizo Galicia-Norte de Portugal. Innovación e desenvolvemento de novas estratexias no sector sanitario’.

O encontro, con inscrición de balde e diploma de asistencia, desenvolverase en formato híbrido na Facultade de Psicoloxía das 9.30 a 18.00 horas. Nel reuniranse representantes do SERGAS, profesionais de atención primaria e unidades da dor, asociacións de doentes, responsables de políticas sanitarias, axencias de innovación e representantes de programas europeos como Horizon Europe e Interreg.

A través de mesas redondas e espazos de networking, debaterase sobre o estado actual do manexo da dor crónica, os seus principais retos e posibles vías de mellora, con especial atención á innovación, a educación e a coordinación entre niveis asistenciais.