As inundacións xeradas pola dina do 29 de outubro no leste de España, ademais da tráxica perda de vidas e dos danos materiais, provocaron numerosas polémicas e controversias nos medios de comunicación e, sobre todo, nas redes sociais. A ciencia foi sufocando estas loiadas con respostas baseadas no coñecemento. Unha destas teorías difundidas nos días posteriores á traxedia suxería que a eliminación de presas agravou o desastre e, para soster esta afirmación, usuarios en redes sociais apoiábanse nun mapa que, segundo eles, amosaba o impacto da supresión destas presas. Agora, unha análise realizada polo investigador do Centro de Investigacións Mariñas da UVigo, CIM-UVigo Carlos García de Leaniz e publicada na sección Readers Response da revista Nature, desmonta estas afirmacións.
O catedrático, experto en conectividade fluvial, é un dos maiores referentes internacionais neste eido e acaba de incorporarse á UVigo ao abeiro do programa Atrae, unha iniciativa do Ministerio para atraer talento consolidado e reforzar a competitividade das universidades e dos centros de investigación. García de Leaniz refuta esta teoría explicando que “o mapa difundido en redes non amosa a eliminación de presas, senón o número de barreiras existentes nos ríos, como azudes, presas e sumidoiros, datos recompilados nun proxecto de mapeo paneuropeo”.
Segundo explica nesta publicación, un cruzamento entre os rexistros de eliminación de presas en Europa e o inventario oficial de barreiras do Goberno español revela que, entre 2006 e 2022, só se retiraron oito barreiras das 615 que existen na rexión de Valencia. Destas, sete eran azudes de menos de cinco metros de altura, sen capacidade significativa para previr inundacións, mentres que a oitava era unha estación microhidroeléctrica en desuso. Ningunha destas estruturas estaba situada nas áreas afectadas polas inundacións.
A importancia da xestión sostible dos ríos
España é un dos países con maior fragmentación fluvial en Europa e a lexislación prohibe eliminar presas operativas que conten cun permiso válido. En palabras de Carlos García de Leaniz, “a eliminación de barreiras obsoletas ten un impacto positivo, xa que contribúe a reducir os riscos de inundación ao diminuír os niveis de auga e previr posibles colapsos de infraestruturas en mal estado”. Ademais, engade que “a lei de augas obriga aos titulares das concesións a derribar as presas e azudes ao final da concesión, restituíndo o fluxo natural do río”.
Con todo, o catedrático afirma que “estas accións non son unha solución completa fronte ao risco de inundacións. Factores como a ocupación das chairas de inundación e os efectos do cambio climático son os principais responsables do aumento na exposición humana a este tipo de desastres”. Carlos García de Leaniz insiste en que “as inundacións en Valencia subliñan a necesidade de adoptar estratexias máis sostibles e efectivas para mitigar os impactos dos fenómenos climáticos extremos a través dun traballo conxunto entre administracións, comunidade científica e cidadanía”.
Un experto en conectividade fluvial
García de Leaniz acaba de incorporarse á Universidade de Vigo ao abeiro da primeira convocatoria do programa Atrae, unha iniciativa pioneira do Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades para achegar captar consolidado para o sistema nacional de I+D. O catedrático García de Leaniz procede da Universidade de Swansea, en Gales, onde exercía como profesor de Biociencias Acuáticas e como director do Centro de Investigación Acuática Sostible (CSAR). Especializado nos impactos da acuicultura, a ecoloxía do comportamento, a ecoloxía da conservación, o benestar dos peixes e as especies invasoras, a súa fichaxe fíxose pública o pasado mes de abril, pero non se incorporou á institución viguesa ata este primeiro cuadrimestre do curso 2024/2025.
A súa estadía na UVigo será inicialmente de catro anos e contará cun orzamento total para este período de 978.800€, incluíndo compra de material, contratación de persoal e o seu propio soldo. O proxecto que desenvolverá en Vigo céntrase nun dos grandes retos marcados pola UE para os Estados membros, a eliminación das barreiras que fragmentan os ríos. Trátase dun reto moi ambicioso, xa que a esixencia da UE é lograr que 25.000 km de ríos sexan de fluxo libre, é dicir, que no seu curso non haxa obstáculos como presas, embalses, vaos, aliviadoiros, canles ou esclusas.
“Con este proxecto, para o que se creará un equipo de expertos e expertas en conectividade acuática no CIM, buscamos apoiar o cumprimento deste obxectivo político da UE, que os Estados membros deben alcanzar”, explica o investigador. En particular, o equipo centrarase en desenvolver estratexias para tomar decisións informadas mesmo cando os datos dispoñibles sexan insuficientes ou incompletos, un desafío clave para a xestión sostible dos ecosistemas fluviais. Respecto desta liña de investigación, xa ten publicados varios artigos científicos en revistas de alto impacto analizando como a detección remota pode mellorar os inventarios de barreiras fluviais ou sobre como a navegación interior e o uso do solo afectan á biodiversidade fluvial en Europa.