O Instituto Universidade Laboral de Ourense inicia o seu 50 aniversario cun mural do artista e ex alumno Mon Devane

Ourense, 21 de febreiro de 2025

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, participou hoxe no acto central da conmemoración do 50 aniversario do Instituto IES Universidade Laboral de Ourense. O evento de hoxe, no que tamén participaron o delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, e a directora xeral de Ordenación e Innovación educativa, Judith Fernández, complétase cun amplo programa de actividades que se alargarán durante o que resta de curso escolar.

O arranque das celebracións foi a descuberta dun mural no hall do instituto a cargo do muralista ourensán e ex alumno do centro Mon Devane, que previamente ofreceu una clase maxistral aos estudantes de Bacharelato da modalidade de Artes que se imparte neste instituto. Nesta obra, o recoñecido artista urbano trata de reflectir, a través da figura dunha estudante feminina, a diversidade de opcións formativas deste instituto público de Ourense.  

A programación continuará durante os próximos meses con distintas actividades como charlas, exposicións, lecturas dramatizadas e representacións teatrais en torno ao instituto, que abriu as súas portas en 1975 como un centro de ensino con residencia que daba servizo, maioritariamente, a alumnos procedentes do rural, aos que se lles brindaba o acceso aos estudos de Bacharelato e de Formación Profesional.

Os edificios da Universidade Laboral, obra de Julio Cano Lasso, son un exemplo singular de arquitectura civil racionalista, cun deseño no que no seu día primou a funcionalidade para o uso académico e residencial ao que estaban destinados.

A Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP vén de destinar arredor de 600.000 € para a mellora do edificio, a través da reforma de mellora da eficiencia enerxética do pavillón polideportivo e da instalación dun ascensor nun dos edificios do complexo.

Deja un comentario