Santiago de Compostela
O creado de hai pouco Instituto de Investigacións Lingüísticas e Literarias da USC (iLTIUS) bota a andar este martes coa publicación da primeira convocatoria de vinculación, “cuxa culminación representará o nacemento definitivo do Instituto, que xurde como consecuencia do arraigo que a tradición lingüístico-literaria posúe na USC”. Así o avanzaba o luns a directora do centro, a profesora de Filoloxía María José Alonso Veloso, na xuntanza constitutiva que tivo lugar en San Xerome baixo a presidencia do reitor Antonio López, e á que acudiu a vicerreitora de Política Científica, Pilar Bermejo, así como a secretaria do instituto, Tamara Bouso Rivas.
“O iLTIUS será o primeiro instituto de investigación de Galicia que aborde de forma concreta o continuo entre a lingua e a literatura, e o examine, ademais, desde a perspectiva sincrónica e diacrónica”, dixo Alonso no acto. “A súa posta en marcha satisfai a aspiración dun importante número de grupos de investigación e persoal investigador que, minimizando as diferenzas, souberon ver a oportunidade de crear un organismo supragrupal que garanta a excelencia científica colectiva, propicie novas oportunidades de financiamento, fortaleza unha internacionalización crecente e aumente o impacto xa notable dos resultados da nosa actividade investigadora”.
Convocatoria de vinculación
As persoas interesadas en vincularse ao iLTIUS dispoñen ata o 15 de xuño para formalizar a súa solicitude coa presentación das súas expresións de interese ao enderezo electrónico iltius.direccion [at] usc.gal (iltius[dot]direccion[at]usc[dot]gal.) O proceso terá dúas fases, unha primeira para o persoal estable e unha segunda para o resto.
Unha vez rematado o prazo de solicitude e verificado o cumprimento dos requisitos, as candidaturas serán avaliadas pola Comisión Asesora Externa composta por cinco referentes internacionais nos ámbitos de actuación do iLTIUS, como son Francisco Moreno Fernández, catedrático de Lingua Española na Universidade de Alcalá e na Universidade alemá de Heidelberg; Juan Miguel Valero Moreno, catedrático de Filoloxía Románica na Universidade de Salamanca; María del Pilar García Mayo, catedrática de Filoloxía Inglesa na Universidade do País Vasco; María del Carmen González Vázquez, catedrática de Filoloxía Latina na Universidade Autónoma de Madrid; e Francisco Javier Martín Arista, catedrático de Filoloxía Inglesa na Universidade de la Rioja.
O iLTIUS
11 grupos de investigación e 61 investigadores promotores, responsables de 33 proxectos do Plan Nacional, 2 europeos e 17 autonómicos no período comprendido entre 2019 e 2024, ademais de 14 axudas doutros organismos son as cifras que arroxa de momento o iLTIUS, que acadou máis de 2 millóns de euros de financiamento competitivo só entre os anos 2021 e 2023.
A axenda científica do iLTIUS ten natureza plurilingüe, pois aborda un amplo conxunto de linguas e literaturas indoeuropeas antigas (latín, grego) e modernas (alemán, español, francés, galego, inglés, portugués), e pluridisciplinar, ao nutrirse dos avances rexistrados en ámbitos como a lingüística teórica e aplicada, os estudos literarios nas súas distintas vertentes, os estudos de xénero, a análise computacional e estatística, a antropoloxía, a filosofía ou a psicolingüística.
O novo instituto, que ten a súa sede no Centro de Estudios Avanzados (CEA), estrutúrase arredor de cinco retos complementarios e transversais: Linguaxe e cognición; Competencia lingüística e comunicativa; Patrimonio literario: tradición e innovación; Xénero e diversidade; Tecnoloxías vinculadas á dixitalización.