O IGFAE conmemora na Semana da Ciencia a ‘Revolución de novembro’ de 1974 que cambiou os modelos da física

O Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE), centro mixto da Universidade de Santiago de Compostela e a Xunta de Galicia, desenvolve do 23 ao 29 de novembro de 2024 a sétima edición da Semana da Ciencia. Nesta ocasión, o programa xirará arredor da coñecida como ‘Revolución de Novembro’ de 1974, da cal se cumpre medio século en 2024. Naquel mes, os equipos de Samuel Ting e Burton Richter observaron en dous laboratorios dos Estados Unidos, case ao mesmo tempo, a partícula J/Psi, evidenciando a existencia do quark encantado (charm) e o seu antiquark. Este achado, merecedor do Nobel de Física en 1976, contribuíu, de maneira decisiva, a dar forma ao coñecido como Modelo Estándar da física de partículas.  

Neste marco, o Auditorio Abanca de Santiago acollerá o mércores 27 de novembro, ás 20.00 horas, a conferencia do físico greco-francés Jean Iliopoulos, un dos tres autores (xunto a Sheldon Glashow e Luciano Maiani) do mecanismo GIM, a proposta teórica que en 1970 postulou a existencia do quark encantado. Na súa conferencia, que levará por título 50 anos que cambiaron a física fundamental: de moitos modelos a unha teoría, contará ao público como o descubrimento que impulsou desde a perspectiva teórica supuxo un cambio radical na percepción da estrutura fundamental da materia, impulsando unha nova visión sobre a natureza das forzas fundamentais.

Despois de graduarse na Escola Politécnica de Atenas e traballar en institucións como o CERN ou Harvard, Iliopoulos (Kalamata-Grecia, 1943) desenvolveu boa parte da súa carreira na École normale supérieure de París. Foi un dos fundadores do prestixioso Laboratorio de Física Teórica desta institución, que dirixiu entre 1991 e 1995 e 1998 e 2002. Desde 2002 é membro da Academia Francesa de Ciencias, e recibiu importantes recoñecementos como o premio Dirac (2007) xunto ao seu colega Luciano Maiani, ou o premio en Física de Altas Enerxías e de Partículas da Sociedade Europea de Física (2011), xunto a Maiani e Glashow.

Ciencia Singular, Marta Macho, Nerd Nite, Transfronteirizas e IGFAE C3
A Semana da Ciencia do IGFAE terá o seu punto de partida o sábado 23 de novembro con Ciencia Singular, a xornada de portas abertas na que a rede de centros de investigación da USC amosan o seu labor científico á cidadanía. Unha vez superada esta xornada, o martes 26 ás 12.15 horas na Facultade de Matemáticas terá lugar a conferencia Mulleres e ciencia: a ecuación funciona?, a cargo de Marta Macho, matemática, divulgadora e editora do blog Mujeres con Ciencia. Na súa intervención, a divulgadora abordará algunhas claves sobre a escasa presenza feminina nalgunhas disciplinas STEM, e como esta fenda se empeza a abrir desde idades moi temperás.

O mesmo martes, xa ás 20.00 horas na Nave de Vidán, haberá unha nova edición da NerdNite enmarcada na Semana da Ciencia do IGFAE. Nesta ocasión, e baixo o título 50 anos da Revolución de Novembro, Jorge Mira, Víctor López e Bernardo Adeva farán un percorrido pola historia do estudo dos quarks, con especial atención ao charm, as súas bases teóricas e as grandes implicacións que supuxo a súa detección case simultánea dos equipos de Ting e Richter no ano 1974.

Finalmente, o venres 29, ás 19.30 horas, a sede do IGFAE acollerá unha nova edición do ciclo Transfronteirizas: conversas de arte e ciencia. O investigador Héctor Álvarez e a artista Paula Quintas compartirán co público asistente o proceso de creación do seu proxecto Mundo Quark. Danza Cuántica. Esta iniciativa artística parte do Modelo Estándar para representar as partículas elementais e as interaccións entre elas a través da danza e o movemento corporal, explorando as interseccións entre ambas disciplinas.

Durante a Semana da Ciencia tamén se anunciarán os traballos gañadores na sétima edición do Concurso de Comunicación Científica IGFAE C3. Este certame reparte 1.600 euros en premios nas súas catro categorías (artigo divulgativo, fotografía, vídeo e proxecto orixinal).

Todas as actividades serán de acceso libre e gratuíto ata completar capacidade, e están dirixidas ao público xeral, con especial interese para o alumnado de secundaria, bacharelato e universidade con interese pola ciencia en xeral e a física en particular.