O Instituto de Estudos e de Desenvolvemento de Galicia (IDEGA) e o Instituto de Investigación en Humanidades (iHUS) forman parte da rede dos dez institutos universitarios da USC que nace co propósito de dar apoio á actividade investigadora e institucional na procura dunha maior converxencia tanto no eido das ciencias sociais coma no marco das humanidades. Entre os dous, captan 5,7 millóns de euros en proxectos de I+D activos, contan con 193 persoas e concentran 1.454 publicacións indexadas entre o 2022 e o 2024.
O persoal investigador destes dous institutos mantivo un encontro no CEA coa Axencia Galega de Innovación da Xunta de Galicia para pór en valor o inxente coñecemento xerado neles. A xornada inaugurouna a vicerreitora de Política Científica, Pilar Bermejo Barrera, e logo dela interviñeron os directores do IDEGA e do iHUS, Rubén Lois e Laura Lojo, respectivamente, así como a directora da área de Talento e Transferencia da GAIN, Mª José Mariño Fontenla, que deron paso a un debate co numeroso persoal asistente no que se falou da relevancia das investigacións levadas a cabo nestes dous institutos universitarios e as posibilidades de financiamento para transferir os resultados á sociedade.
Na sesión presentáronse ademais varios casos de éxito de investigacións da USC, como as de Valerià Paül Carril, Jacob Copeman, Pedro Manuel López Barja de Quiroga, Jackiline Brígida Salazar Torres, Xosé Manoel Núñez Seixas e Maricarmen Tapia Gómez e Ángel Miramontes Carballada.
Idega
Creado no 1976 e dirixido na actualidade polo catedrático Ruben Lois, o IDEGA traballa no ámbito das ciencias sociais, relacionando a xeografía co medio, a contorna e o clima, pero tamén coa economía circular, a análise de sistemas, a socioloxía, a econometría ou o planeamento urbano. Con case medio século de existencia, este instituto caracterízase, entre outros aspectos, pola publicación de obras de referencia, como é o caso do informe anual sobre a economía galega, ademais de contar cunha extensa rede de contactos internacionais na que se integran actores decisivos da acción pública no territorio.
Este instituto conta con 102 investigadores e investigadoras vinculados dende o 2023, dos cales 84 son permanentes e 18 están en formación ou contratados nos máis de 60 proxectos nacionais e europeos, que mobilizan un volume de ingresos superior ao millón e medio de euros por anualidade. O Idega conta cunha das axudas do European Research Council na modalidade de Consolidator Grant, á que se lle suma media ducia de proxectos con financiamento competitivo europeo e internacional.
iHUS
O iHUS é o primeiro instituto universitario no ámbito das humanidades de Galicia. Dirixido pola catedrática Laura Lojo e constituído en 2024, esta estrutura interésase pola comprensión das sociedades contemporáneas e pola reflexión ao redor das diferentes expresións que emerxen dos estudos culturais para propiciar un diálogo constante, na dialéctica entre o global e o singular. As capacidades do iHUS mobilízanse nos seus tres eixos estratéxicos e interdisciplinarios: Antropoceno, Benestar e Xustiza; Tecnoloxía, Dixitalización e Mundos Virtuais; Identidades, Cambio Global e Mobilidades. O iHUS conta con dezasete liñas de investigación, entre elas, as humanidades dixitais; mente, linguaxe, cognición e razoamento; os estudos da globalización e dos fluxos transnacionais, ou a memoria das herdanzas culturais.
O persoal investigador do iHUS supera as noventa persoas, das cales corenta e sete son mulleres (52%) e corenta e catro son homes (48%) representando un total de 69 doutores, 22 doutorandos, 55 investigadores consolidados e 36 investigadores noveis. O seu volume de ingresos por proxectos de I+D superou os 2,7 millóns de euros (2022-2024), o que representa unha intensidade media de 50.416 euros por investigador principal.
