O grupo PROePLA mapea unha vintena de indicadores ambientais e socioeconómicos para medir a resiliencia nos 300 espazos de Rede Natura 2000 da Cornixa Cantábrica

Lugo

O grupo de investigación PROePLA, da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría (EPSE) do Campus de Lugo acaba de completar un traballo de mapeo dos 301 espazos incluídos na Rede Natura 2000 de toda a cornixa cantábrica en función de variables ambientais, sociais e económicas como o envellecemento, a densidade de poboación, a contaminación dos solos, a incidencia dos incendios forestais ou a proximidade a hospitais ou escolas. Esta caracterización supón unha ferramenta para coñecer polo miúdo o territorio e deseñar políticas de futuro para contornas de especial interese ecolóxico das comunidades autónomas de Galicia, Asturias, Cantabria, País Vasco, Navarra e tamén das provincias de León, Palencia e Burgos, en Castela e León. Así, elaboráronse atlas detallados de cada variable, ata acadar 6.000 mapas das zonas de Rede Natura 2000 de todo o tercio norte peninsular.

Un equipo liderado polo catedrático Manuel Marey dende o Campus Terra desenvolveu esta iniciativa no marco do proxecto Mixturando, que desenvolve novas estratexias de valorización do bosque mixto atlántico en espazos protexidos de Galicia e Asturias. MIXTURANDO é un proxecto no que o Grupo de Proxectos e Planificación (PROePLA) ten como socios o GDR ourensán de Limia-Arnoia, o pontevedrés Terra e Auga e o asturiano Camín Real de la Mesa. MIXTURANDO conta co apoio da Fundación Biodiversidad do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico (MITECO) no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia (PRTR), financiado pola Unión Europea – NextGenerationEU.

Segundo apuntan desde PROePLA, estes indicadores escollidos clasifícanse como sociais, ambientais e económicos, aínda que as fronteiras entre a maioría deles son “difusas”, xa que a densidade de poboación, por exemplo, ten unha implicación tanto social como económica, mentres que os incendios forestais afectan todas as dimensións. “A idea é que, ao cruzar todos estes indicadores, se poida obter una caracterización do territorio que permita coñecer o seu estado e a súa resiliencia”. Sobre este aspecto, a cartografía destes espazos, que nalgún caso chega a ter un quilómetro cadrado de resolución, permite unha caracterización moi detallada dos territorios e sérvelle como complemento á información dos programas de xestión e conservación de cada un dos espazos. Deste xeito, analízanse variables como o índice de sobre-envellecemento, a densidade de poboación, o índice de feminidade, a ratio de persoas empregadas sobre a poboación potencialmente traballadora ou a porcentaxe de poboación inmigrante. Así mesmo, estúdanse aspectos menos habituais, como a accesibilidade por estrada a centros de ensino primario e a hospitais, a superficie de cultivos declarada nas axudas da Política Agraria Común europea (PAC) ou o número de receptores destas subvencións.

A afección de especies de flora e fauna invasoras e o potencial do solo para a biodiversidade son outros dos parámetros caracterizados, ao igual que a concentración de mercurio, arsénico e cadmio nos solos. Tivéronse tamén en conta a cantidade actual e a estimación a 20 anos de carbono orgánico nos solos e, igualmente, o número de incendios forestais entre 2000 e 2025 e a superficie queimada nese mesmo período de tempo, xa que constitúen factores que lle afectan á saúde dos ecosistemas e á degradación dos solos.

Unha contorna heteroxénea

Entre os principais retos que tiveron que superar o equipo de PROePLA atópase a extensión da mostra -todo o terzo norte da Península Ibérica- así como a enorme heteroxeneidade dos espazos da Rede Natura 200 na cornixa Cantábrica, incluíndo contornas forestais, de ribeira ou marítimas de alta montaña, entre outras, ao que se suman grandes diferenzas xeofísica, demográficas ou sociais. “Pensemos, por exemplo, nas contornas superpoboadas e dinámicas da costa vasca en comparación con territorios vastos, con poucos habitantes e mal comunicados dos Picos de Europa, entre Cantabria, Asturias e León”, sinalan. “As combinacións de parámetros poden ser case ilimitadas; de aí que sexa tan importante escoller aqueles que nos acheguen unha realidade representativa”.

Por outra banda, os espazos da Rede Natura 2000 transcenden moitas das veces os lindes administrativos non só dos municipios, senón tamén das provincias e das comunidades autónomas, de xeito que tamén supuxo unha dificultade engadida, afirman, a obtención de “datos fiables a unha escala axeitada” durante o traballo previo para deseñar esta caracterización. 

A resiliencia dos territorios

O equipo de PROePLA implicado no proxecto Mixturando calculou, asemade, un indicador final que resulta de cruzar todos os anteriores. Consiste, como comentan, na definición dun “indicador multidimensional” que ten en conta todos os aspectos analizados e que permite unha comparativa entre os distintos espazos da Rede Natura 2000. “Trátase dun indicador que non pretende ser un índice global, senón un indicador relativo”, aclaran. Así, “reflicte a resiliencia outorgándolle un valor de entre 0 e 19 a cada un dos espazos analizados, sendo 19 o valor que sinala unha mellor situación”.

Especifican que constitúe unha ferramenta “moi importante” á hora de deseñar políticas públicas e actuacións orientadas especificamente á dinamización do emprego e á economía sustentable en áreas de elevado valor ambiental. “O noso propósito é facer desta cartografía unha ferramenta accesible e á disposición pública para o seu uso polas diferentes administracións e as institucións e centros de investigación con responsabilidades de xestión ou intervención sobre todo o territorio mapeado”, conclúen desde PROePLA.