O Grupo Histagra da USC elaborará para o Goberno de España un censo estatal de vítimas da Guerra e a ditadura

O Grupo HISTAGRA da USC, vencellado ao centro de investigación CISPAC, será quen elabore para o Goberno de España o censo estatal de vítimas da Guerra Civil e a ditadura para o período 1936-1939 así como unha proposta metodolóxica preliminar para a ampliación temporal do censo ao período 1940-1942, ambos os dous espazos de tempo con maior número de vítimas mortais.

O encargo, que responde ao establecido no artigo 9 da Lei 20/2022, de 19 de outubro, de Memoria Democrática, materializouse no correspondente acordo de colaboración asinado polo reitor da USC, Antonio López, e o secretario de Estado de Memoria Democrática, Fernando Martínez López.

Serán os profesores da USC Lourenzo Fernández Prieto, catedrático de Historia Contemporánea, e Antonio Míguez Macho, decano da Facultade de Xeografía e Historia, quen coordinen o traballo desde o Grupo HISTAGRA. Para eles, este encargo “supón o recoñecemento a un esforzado traballo de décadas para arroxar luz sobre o período máis negro da nosa Historia recente coa fin de reconstruír a nosa memoria democrática”.

Cun horizonte temporal de tres anos e un financiamento de cerca de medio millón de euros, os traballos do proxecto centraranse na investigación sobre vítimas con resultado de morte, excluíndo os combatentes. Así mesmo, gravaranse os datos obtidos na ferramenta Dédalo, que constituirá a base de datos oficial do Censo de Vítimas da Guerra de España e a ditadura. Ademais da elaboración do censo, este proxecto contribuirá á apertura de novas liñas de investigación apoiadas documentalmente, o que fomenta un maior coñecemento da verdade respecto do acontecido durante a Guerra de España e a posterior ditadura.