Santiago de Compostela
O grupo de investigación Gliatime, do CiMUS da USC, liderou un estudo internacional, co financiado con fondos europeos, que cuestiona a idea clásica da cronobioloxía de que o metabolismo é unha consecuencia directa do reloxo circadiano (o que regula os procesos e funcións do corpo nun ciclo de aproximadamente 24 horas). Publicado recentemente en Molecular Metabolism, o traballo demostra que metabolismo e ritmos biolóxicos actúan como sistemas acoplados e interdependentes e que a súa interacción está modulada pola contorna, a dieta e o sexo biolóxico. Estes achados abren novas perspectivas para o tratamento personalizado de trastornos como a síndrome metabólica ou as alteracións asociadas ao traballo por quendas.
O estudo, desenvolvido en colaboración con centros de España, Finlandia, Suecia e Xordania, reforza o papel do CiMUS como centro referente en investigación avanzada en cronobioloxía, metabolismo e inmunoregulación.
Plasticidade circadiano-metabólica, clave para entender a sincronía
A interleucina-6 (IL-6) é unha citocina (proteína) que participa na regulación inmunitaria e o metabolismo enerxético. A súa secreción diúrna inflúe nas compoñentes circadianas fundamentais, o que subraia o seu papel crucial na bioloxía circadiana. A pesar das diferenzas sexuais coñecidas nos procesos inmunitarios, circadianos e metabólicos, ata a data descoñecíase como a IL-6 integraba estes procesos.
Partindo deste contexto, neste estudo fenotipáronse ratos con IL-6 deficiente e ratos control de ambos sexos para determinar os seus trazos circadianos e metabólicos baixo dieta estándar e dieta rica en graxas, xaxún e alimentación con restrición horaria.
Os resultados revelaron que esta citocina desempeña un papel clave como mediador bidireccional entre a actividade rítmica e a regulación metabólica. “En función do contexto fisiolóxico, IL-6 permite ao organismo priorizar a coherencia temporal ou a eficiencia enerxética, o que introduce un novo concepto fisiolóxico: a plasticidade circadiano-metabólica”, explica a coordinadora do grupo Gliatime, Olga Barca Mayo.
Este estudo mostra tamén que IL-6 participa na regulación do oscilador alimentario, o sistema que anticipa os horarios de inxesta, o que conecta directamente coa crononutrición.
O sexo biolóxico, factor determinante para optimizar a eficacia clínica
Dado o marcado dimorfismo sexual observado neste estudo, esta investigación pon de manifesto que as estratexias terapéuticas baseadas na modulación de IL-6 ou dos ritmos metabólicos deberán considerar o sexo biolóxico como un factor determinante para optimizar a eficacia clínica.
De feito, os resultados do estudo permitiron comprobar que os homes presentan ritmos circadianos regulados pola luz alterados en condicións de dieta de transición e desalineación metabólica en dieta rica en graxas, mentres que as mulleres mostran unha maior resiliencia circadiana en condicións de dieta de transición, pero unha maior vulnerabilidade á alteración circadiana durante a dieta rica en graxas.