O Grupo de Cidades Patrimonio da Humanidade e as súas universidades de referencia promoverán o coñecemento e a investigación sobre o patrimonio cultural

O reitor da USC, Antonio López, e a presidenta do Grupo de Cidades Patrimonio da Humanidade e a alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, presentaron este martes un acordo de colaboración para o desenvolvemento de iniciativas conxuntas que “establece un paraugas para realizar accións de formación, investigación, xornadas e cursos en temas relativos á visibilización, promoción e difusión das 15 cidades” integradas neste grupo.

Tanto o reitor como a alcaldesa lembraron que a sinatura do acordo formaliza unha cooperación entre as cidades do grupo e as súas universidades de referencia xa acordada o pasado mes de marzo durante a celebración en Compostela da Asemblea do Grupo Cidades Patrimonio da Humanidade. Entre os asinantes atópanse ademais de Santiago, as universidades de Alcalá, Católica de Ávila, Castela A Mancha, Córdoba, Estremadura, Illes Balears, A Laguna, Salamanca, Rovira i Virgili, Valladolid, IE University, Internacional de Andalucia, UIMP ou UNED.

Como explicou o reitor Antonio López, este conxunto de 15 universidades e outras tantas cidades representan un “grupo de universidades importante dentro do panorama universitario español, mesmo unha delas declarada Patrimonio Mundial como a de Alcalá de Henares”. Pola súa banda, a presidenta do Grupo remarcou que o obxectivo principal do convenio é “abrir unha liña de colaboración para traballar sobre cuestións relacionadas co noso patrimonio, realizar actividades culturais que promocionen as 15 cidades e promover aquelas cuestións que teñan que ver coa formación ou incluso investigacións arredor da sustentabilidade e os cambios de paradigma en temas como o modelo turístico”.

O convenio recolle entre os ámbitos de colaboración a formación en materia de patrimonio histórico e cultural nos distintos niveis universitarios e de forma especial a través de microcredenciais. Tamén se contempla a celebración de xornadas que promoven o achegamento e traballo conxunto entre as institucións universitarias e o Grupo, así como o desenvolvemento de proxectos de investigación centrados na busca de solucións aos problemas que afectan de forma especial ás Cidades Patrimonio da Humanidade en calquera ámbito de coñecemento.

A abordaxe destas cuestións realizarase por medio de distintas vías de colaboración, dende o desenvolvemento de foros, cursos ou seminarios, ata a programación de actividades culturais, expositivas ou artísticas nas que se poña en valor o patrimonio histórico e cultura, tanto universitario como doutras entidades, ou o desenvolvemento de actividades que axuden a reforzar a proxección social da Universidade e o seu compromiso coa sociedade no ámbito do patrimonio.