Santiago de Compostela
O grupo ANTE da Universidade de Santiago de Compostela é un dos organizadores, xunto coas Universidades de Vigo e Complutense de Madrid e Amnistía Internacional, do III Congreso Internacional de Xeopolítica Participativa e Diversidade que terá lugar o 4 e 5 de xullo no Salón de Plenos do Concello de Moaña.
O congreso ten o foco na xeopolítica participativa e na diversidade onde se analizan os principais acontecementos internacionais. Contará coa presenza de asociacións e universidades e realizarase unha ruta guiada de balde ao conxunto arqueolóxico da Torre de Meira (Moaña) en compañía dos arqueólogos que participan na súa excavación.
O obxectivo do encontro é reunir persoal académico, líderes sociais, responsables da política e membros da sociedade civil para dialogar sobre as conexións entre xeopolítica e diversidade. A través de relatorios, mesas redondas e talleres, exploraranse temas como o impacto dos conflitos internacionais nas comunidades marxinadas, o papel da diversidade na construción de políticas exteriores inclusivas e a maneira en que os dereitos humanos universais deben integrarse no deseño de estratexias xeopolíticas.