Lugo
No ano 2022, a USC puxo en marcha as Faíscas Culturais, pequenas intervencións pedagóxicas coas que se pretende conectar a acción cultural da Universidade de Santiago de Compostela cos contidos que o estudantado adquire nas aulas. O obxectivo desta iniciativa consiste en fomentar a reflexión crítica tomando a cultura como punto de ancoraxe. Agora, o 25 aniversario do descubrimento da Domus do Mitreo na cidade de Lugo serve de motivo para unha nova vaga de Faíscas coas que introducir nas aulas a posta en valor do patrimonio lucense. A directora do Museo Universitario A Domus do Mitreo, Dolores Dopico, foi a encargada de abrir esta nova labarada de Faíscas a través do relatorio ‘A Domus na Paisaxe Urbana’. A conferencia desenvolveuse este martes 18 na Facultade de Humanidades e nela participou estudantado do grao en Xestión Cultural do campus lucense.
O 21 de febreiro, ás 10.00 horas, será a quenda da profesora Luzia Oca González na Casa do Saber, quen abordará os fundamentos antropolóxicos da alimentación ante o estudantado do grao en Nutrición Humana e Dietética. A entrada está aberta a toda a comunidade universitaria e quen participe na faísca poderá realizar unha visita guiada con Celso Rodríguez Cao, director da escavación, á Domus do Mitreo. O 11 de marzo, a Escola Universitaria de Enfermaría sumarase ás Faíscas poñendo o foco na evolución dos coidados nas épocas romanas, mentres que o 2 de abril, Formación do Profesorado desenvolverá unha nova intervención que levará por título ‘A escola na Domus’.
Ruta arqueolóxica
Á marxe das Faíscas Culturais e dirixida ao conxunto da cidadanía, ‘A Domus na Paisaxe Urbana’ é tamén o título da ruta arqueolóxica que se desenvolverá o vindeiro 20 de febreiro e que terá como punto de partida o Museo Universitario A Domus do Mitreo. O obxecto desta actividade consiste en inserir a Domus na antiga Lucus Augusti, de modo que “no canto de vela como acostumamos, dende dentro, poidamos vela do revés, dende fóra”, explica a directora do Museo e profesora da USC, Dolores Dopico.
Nesta actividade que se enmarca na Primavera Cultural da USC, analizaranse varios aspectos como a súa relación coas infraestruturas e os elementos principais da cidade, a súa relación coa muralla e coa paisaxe circundante. Celso Rodríguez, arqueólogo-director da escavación, e Francisco Folgueira Ríos, da Facultade de Humanidades, serán os encargados de conducir a actividade a partir das 19.00 horas. A inscrición de balde pode formalizarse a través do enderezo electrónico museomitreo.lugo [at] fundacionusc.gal (museomitreo[dot]lugo[at]fundacionusc[dot]gal)
Aniversario
Hai 25 anos tiña lugar na cidade de Lugo un descubrimento arqueolóxico excepcional. Con motivo da reforma do Pazo de Montenegro para convertelo en sede da Vicerreitoría do Campus, atopáronse os restos dunha domus romana moi ben conservada que tiña un mitreo no seu interior. O achado tiña un valor científico notable, pois este templo dedicado ao deus Mitra é un dos escasísimos coñecidos na Península Ibérica e o mellor conservado, polo que se converteu en obxecto de estudo para a investigación internacional. O Museo Universitario A Domus do Mitreo conmemora este acontecemento cun amplo abano de actividades que se abriu en xaneiro coa exposición ‘Un achado excepcional: 25 anos da Domus do Mitreo’ e do que forman parte tanto as Faíscas Culturais como a ruta arqueolóxica ‘A Domus na Paisaxe Urbana’.