O estudio 2 da Facultade de Ciencias da Comunicación vén de seguir un proceso de dixitalización integral para traballar na actualidade con sinal SDI en todos os equipos. As melloras xa están dispoñibles para o conxunto da comunidade do centro, como puido comprobar este xoves o reitor da USC Antonio López nunha visita á sesión interactiva da materia Información televisiva de 2º de Xornalismo.
A actualización continua desta instalación repercute na capacidade de achegar ao conxunto dos estudantes que seguen estudos nesta Facultade recursos na liña dos que poderán atopar no exercicio da súa práctica profesional. Así, propíciase un mellor coñecemento das prácticas e rutinas a abordar no futuro profesional máis inmediato profundando, en paralelo, na mellora continua da calidade dos procesos docentes.
Grazas ás últimas actualizacións neste recurso dotacional da Facultade, o control técnico conta con tres cámaras coa súa CCU (Camera Control Unit), servidor de vídeo, mesturador, gravación directa en SSD e tarxetas SD e teleprompter, todos eles de última xeración. Isto complétase coa renovación da grella de iluminación, dotada de elementos de luz led, na liña iniciada pola USC para fomentar o aforro enerxético dos seus centros.