O estudantado preuniversitario entrará na USC os días 14 e 15 de abril a golpe de clic

Lugo,
Santiago de Compostela

O estudantado preuniversitario poderá coñecer de primeira man a oferta docente e de servizos da Universidade de Santiago de Compostela a través dunha nova edición dos Encontros Virtuais na Zona USC que se desenvolverán os días 14 e 15 de abril. A rapazada tan só ten que entrar no web dos Encontros e premer sobre aquelas titulacións ou servizos que resulten do seu interese. Unha vez dentro, atopará os horarios e as ligazóns de acceso ás diversas videoconferencias nas que poderán formular preguntas e solucionar dúbidas. O ano pasado, os Encontros rexistraron arredor de 3.000 accesos nos que o estudantado puido profundar nas diversas opcións que a USC lle ofrece de cara ao seu futuro. 

Esta iniciativa impulsada polo Programa A Ponte entre o Ensino Medio e a USC chega xa á súa sexta edición poñendo en valor o contacto virtual que fomenta a interactuación cun simple clic entre estudantado e profesorado ou responsables de distintos servizos universitarios. Ademais, o web dos Encontros conta cun amplo abano de material en formato audiovisual no que mergullarse para coñecer, por exemplo, todo o que a USC oferta en materia de cultura, deporte, residencias, linguas, orientación laboral, bibliotecas, emprendemento ou museos, entre outros. 

Dentro de cada área de coñecemento, o web ofrece información xenérica sobre as titulacións que abarca cada eido. Ademais, a páxina de acceso aos Encontros conta cun cronograma completo que serve de folla de ruta para ver todo o que se ofrecerá ao longo destas dúas xornadas. 

Iniciativa consolidada

Esta iniciativa botou a andar en 2020 por mor da pandemia que, naquela altura, impedía a realización de visitas presenciais do futuro estudantado. Logo do éxito acadado, dende o Programa A Ponte entre o Ensino Medio e a USC optaron por seguir organizando estes Encontros cunha periodicidade anual á que se suman milleiros de persoas que queren acceder á universidade.