O equipo de goberno da Facultade de Medicina e Odontoloxía vén de ser elixido Membro de Honra do Colexio de Odontólogos de A Coruña. O nomeamento farase efectivo este sábado 8 no Hotel Oca Puerta del Camino de Santiago, coincidindo cos actos de celebración da festividade da Patroa do Colexio, Santa Apolonia.
Na decisión, tomada por unanimidade de toda a xunta de goberno do Colexio, destácase a contribución da Facultade á mellora da capacitación e excelencia profesional da odontoloxía de Galicia, a oferta posgraduada de carácter profesional e a internacionalización investigadora e profesional do seu cadro docente.
A acta de xustificación do premio di textualmente: “Polo seu compromiso permanente na modernización tecnolóxica e asistencial da Facultade de Odontoloxía da Universidade de Santiago de Compostela. Por favorecer a ampliación do seu cadro docente, estimular a investigación e propiciar a expansión internacional da Facultade, o que se reflectiu nos últimos anos en diversos indicadores da calidade universitaria. Pero sobre todo, porque todas estas accións estratéxicas melloraron de maneira evidente a formación e capacidade técnica das odontólogas e odontólogos de Galicia, alcanzando altos niveis de excelencia profesional, o que supón ao tempo mellorar a calidade de vida de todos os galegos e galegas”.