Alacante, 23 de abril de 2025
O director da Axencia Galega de Infraestruturas, Francisco Menéndez, participou hoxe nas Xornadas Nacionais de Seguridade Viaria 2025, baixo o lema “Seguridad 360. O reto global das estradas do futuro”, e organizadas pola Asociación Técnica de la Carretera e a Asociación Española de la Carretera, que se están a desenvolver desde hoxe e ata mañá, no Palacio de Congresos de Alacante.
Francisco Menéndez interveu na primeira sesión de traballo destas xornadas referentes a nivel nacional, onde compartiu a cos responsables doutras comunidades autónomas a folla de ruta da Xunta en materia de seguridade viaria.
O director da AXI puxo en valor os avances na Estratexia de Dixitalización e Innovación da rede autonómica de estradas, de algo máis de 5.500 quilómetros de lonxitude, e na que Goberno galego leva investidos 8,5M€, cofinanciados con fondos europeos, e na que prevé mobilizar 20M€ ata o 2029 para desenvolver a citada estratexia.
Ademais fixo fincapé na necesidade de reforzar a coordinación no ámbito da seguridade viaria entre administracións titulares das vías e no desenvolvemento do “Plan de Seguridade Viaria de Galicia. Visión Cero” 2022-2025, recoñecido como referente no ámbito nacional.
Tamén citou o Plan de Sendas que está a executar a Administración autonómica, que permitiu xa habilitar case 300 quilómetros de sendas peonís e ciclistas, e do que a Xunta está a abordar unha segunda fase, coa previsión de executar outros 120 quilómetros máis ata 2029, cun investimento de case 70 millóns de euros cofinanciados con Fondos FEDER.