Santiago de Compostela, 20 de xaneiro de 2025
O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a resolución da orde de axudas con cargo ao 0,7% do Imposto sobre a Renda das Persoas Físicas (IRPF) dirixidas a entidades sociais que traballan nos ámbitos da atención ás persoas maiores, da discapacidade, de menores, da promoción da igualdade ou da inclusión.
Concretamente, un total de 155 entidades sociais galegas benefícianse desta orde de axudas da Consellería de Política Social e Igualdade, que estivo dotada dun orzamento de 33 millóns de euros. En total, estas axudas facilitarán o desenvolvemento de 744 programas e proxectos. O obxectivo da Xunta con estas achegas é continuar apoiando ao tecido asociativo e traballando da súa man para que as persoas máis vulnerables conten cos recursos que necesitan para desenvolver o seu proxecto de vida.
Destas axudas poden beneficiarse as entidades que traballen no ámbito da Consellería de Política Social e Igualdade. É dicir, que desenvolvan accións destinadas á protección da infancia, a atención das persoas maiores e con discapacidade, a inclusión social, a promoción da igualdade entre homes e mulleres, ou a prevención da violencia de xénero e o apoio ás vítimas e aos seus fillos.
O Consello da Xunta daba luz verde a esta nova convocatoria o pasado 2 de setembro de 2024, unha orde cuxo orzamento ascendeu finalmente ata os 33 millóns de euros unha vez realizadas as xeracións de crédito, o que supón un aumento do 20% –5,5 millóns de euros– con respecto ao ano 2023.
Como na anterior convocatoria, o Goberno galego anticipará aos beneficiarios o 100% da subvención, permitindo que a xustificación das achegas se realice posteriormente, unha vez completadas as actividades financiadas con esta partida.