Ourense, 07 de abril de 2025
O delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, mantivo esta mañá un encontro con representantes da asociación Ourensividad, dedicada á promoción da alimentación local, como a alimentación sostible, ao fomento dos hábitos de vida saudable, ao estímulo dos balnearios e ás condutas ambientais vinculadas á lonxevidade baseadas en evidencias, así como a revisión, estudo e posicionamento científico en ausencia de conflito de interese.
Na reunión, o delegado territorial interesouse polo resultado do estudo pioneiro en España, que esta entidade levou a cabo recentemente sobre a lonxevidade, dado que en Ourense hai máis de 380 centenarios, sinalando “que os nosos maiores non só chegan aos 100 anos, senón que viven ben e son autosuficientes”.
Pola súa banda, os representantes desta agrupación agradeceron a receptividade do Goberno galego a este tipo de iniciativas que intentan sinalar os diversos factores que contribúen a esta excepcional esperanza de vida, como a alimentación tradicional, o estilo de vida activo, a contorna natural e a forte cohesión social das nosas comunidades.