A Biblioteca América da USC acolleu este venres o acto de constitución do Consello Galego de Intelixencia Artificial, do que a institución compostelá formará parte, co propósito de desenvolver unha IA adaptada ás necesidades específicas de Galicia.
Concibido para asesorar e impulsar a intelixencia artificial en Galicia polo seu carácter de máximo órgano colexiado de participación pública, privada e do coñecemento, o Consello permitirá reforzar o obxectivo de desenvolver e aplicar a IA con eficacia e seguridade para as persoas. Para iso, buscará identificar de posibles barreiras e desafíos no deseño de sistemas de IA.
No acto de constitución estivo presente o reitor da USC, Antonio López, ademais do conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos; o director da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), Julián Cerviño; e o reitor da Universidade da Coruña, Ricardo Cao.