A Universidade de Santiago de Compostela continúa reforzando a súa colaboración público-privada co fortalecemento do seu catálogo de cátedras institucionais. Así, este xoves 30 o Consello de Goberno aprobou a imaxe identificativa de Cátedra Araguaney para a Diálogo entre Culturas, cuxa actividade está dando os seus primeiros pasos coa finalidade desenvolver actividades no eido da xestión cultural e dos estudos interculturais, e a nova imaxe da Cátedra Carvalho Calero. Igualmente aprobouse tamén a creación dunha cátedra de mobilidade sostible en colaboración coa empresa Monbus.
Axudas Beatriz Galindo
Na mesma xuntanza, aprobouse tamén a proposta de candidaturas para as axudas Beatriz Galindo correspondentes á convocatoria de 2024, pendente dos informes de centro e departamentos correspondentes. Tamén no ámbito investigador, aprobouse modificar o regulamento para a creación e funcionamento de Centros Singulares de Investigación no referido á dirección científica, que agora se adapta ás novas formas de prestación de servicios por parte do persoal investigador e abre así a posibilidade de que poida asumir esa dirección o persoal da USC que, estando nunha situación de excedencia ao abeiro da LCT, estea vinculado a un centro singular da USC como investigador.
Outros asuntos
A xuntanza de hoxe, na que se cubriron as vacantes nas comisións delegadas do Consello de Goberno, completouse con outros asuntos como a probación das listaxes de persoas que acadaron os premios extraordinarios de grao e mestrado universitario do curso 2023-2024 e de doutoramento de 2022-2023, a modificación da RPT de PTXAS funcionario e de persoal laboral, distintos regulamentos de traballos de fin de estudos, transferencia de coñecemento, a actualización de tarifas así como a aprobación de convenios.