Apenas 24 horas despois de ser presentado ante o Claustro, o proxecto de orzamentos da UVigo para 2025 foi aprobado este venres polo Consello de Goberno na súa derradeira reunión deste ano. O órgano colexiado deu o visto bo ás contas para o vindeiro exercicio que, cun montante de 248.822.967 euros, manteñen a senda de equilibrio orzamentario pola que a institución transita no ciclo económico dende 2012 e marcan como liñas prioritarias as políticas de persoal e a I+D+i. A proposta deberá pasar por un último trámite a vindeira semana, cando será sometida a votación no Consello Social.
Na sesión deste venres tamén se aprobou a Oferta Emprego Público 2024 para PDI e PTXAS, así como o límite de prazas de grao e mestrado para o vindeiro curso 2025/2026 e os premios extraordinarios de grao do curso 2023-2024, entre outros temas.
Un orzamento estable e equilibrado
Tras aprobar o teito de gasto por 29 votos a favor, cinco abstencións e tres en contra, a xerenta presentou para a súa votación un orzamento de 248,8 millóns de euros e dirixido a manter o equilibrio financeiro, nos termos do crecemento económico do Estado e da Comunidade Autónoma de Galicia aliñado coa senda de gasto prevista. Yolanda Lesmes destacou que estes orzamentos, que apenas descenden un -0,18% respecto dos deste 2024, están aliñados co “crecemento sostible” do financiamento estrutural que a institución académica recibe da Xunta ao abeiro do Plan de Financiamento do SUG. Para o 2025 estas achegas increméntanse nun 2,2%, é dicir, nuns 2,8 millóns de euros máis.
No que se refire ao orzamento de ingresos, o principal capítulo é o de transferencias correntes, que representa o 63% do total con 156,4 m€. Por detrás está o de transferencias de capital, que supón o 18% dos ingresos (45 m€) e o de variación de activos financeiros, que representa o 12% do total de ingresos (29,2 m€). Completan o resumo de ingresos, con contías menores, os capítulos de taxas e prezos públicos (15,3 m€) e ingresos patrimoniais e variación de pasivos financeiros, que apenas supoñen o 0,004% do orzamento total de ingresos.
No que se refire aos gastos, o capítulo I, de gastos de persoal, continúa a ter a principal partida de gasto, cun 58,66 % do total do orzamento cun importe de 145.682.543,00 €. Esta cantidade increméntase nun 1,38% respecto á orzada en 2024, que foi de 143.696.792,38 €. Este plantexamento permite mostrar un escenario realista baixo o principio de contención do gasto público.
O capítulo II, de gasto corrente en bens e servizo, ten unha previsión de 35.017.812,00 €, experimenta un incremento do 14 %, que se explica pola previsión dos custos das subministracións e a necesaria licitación de servizos esenciais tales como a limpeza e outros que se van a ver afectados polo incremento dos prezos do consumo.
O capítulo III, de gasto financeiro, inclúe os créditos para atender os gastos asociados a contratación de avais para licitacións publicas ao amparo do art. 60 da LOSU, os intereses de demora consecuencia de reintegros de subvencións non executadas e os asumidos en operacións internacionais fóra da UE, así como as comisións de mantemento das contas correntes en entidades bancarias.
Non pode falarse dunha variación destacable no capítulo IV, de transferencias correntes. No conxunto de operacións correntes o incremento alcanza o 2,52%. O capítulo VI, de investimentos reais, acada unha contía de 57.151.763,00 €, o que implica un decrecemento dun -8,47% verbo do orzamento de 2024 e representa o 23,01 % sobre o total do orzamento de gasto.
Goberno e administración, o principal programa de gasto
A xerenta tamén debullou o orzamento atendendo ao gasto por programas. A principal partida correspondente ao goberno e administración da Universidade, que representa un 63% do total con 156,4 m€, dos cales a gran maioría se destinan a gastos de persoal (143,5m€) e a gastos ordinarios e de funcionamento. O seguinte programa en relevancia é para investigación e transferencia, que representa o 21% do gasto (51,7m€). Deste programa, 3,3 millóns de euros son para o sostemento dos centros de investigación e 9,3m€ para proxectos internacionais. O programa de dotación e mantemento de infraestruturas e equipamento conta cun orzamento de 23,7 m€, un 10% do total. Neste caso, máis de 10m€ son para servizos de limpeza, mantemento, seguridade, etc. e máis de 5,5m€ para a construción da futura Escola de Enxeñería Aeronáutica e do Espazo. Para o apoio ao alumnado e a docencia destínanse 9m€, o 4% do total, incluíndo preto de 4m€ para innovación educativa e 3,3m€ para internacionalización. A dotación para os centros representa o 2% do total do orzamento, 3,8 m€, un 1% para a dotación de fondos bibliográficos (2,2 m€). O orzamento complétase con 1,2 m€ para actividades de extensión universitaria, tanto culturais como deportivas e de captación.
Na quenda de intervencións deste punto, varios membros do Consello de Goberno amosaron a súa disconformidade co documento presentado por varios motivos. Entre eles, Anabel González Penín, representante do PAS, sostiña que o proxecto de orzamentos para 2025 perpetúa o que considera un “trato desigual para o persoal de administración e servizos”. Tamén interveu a voceira de Nós-Universidade, Coral del Río, que igual que fixo o seu grupo no Claustro de onte xoves, destacou que “non compartimos que sexan unhas contas sostibles”, senón que “presentan un desequilibrio estrutural” que “vai camiño de ser crónico”. A docente tamén aproveitou a súa intervención para solicitar coñecer o remanente co que conta a UVigo, unha cifra que segundo a xerenta “é estimativa, xa que o exercicio aínda non está pechado”. Con todo, Lesmes avanzou se trata dun remanente de libre disposición “amplo”, que non sería inferior aos 48 millóns de euros”. O catedrático Jacobo Porteiro tamén tomou a palabra, no mesmo sentido ca onte no Claustro, para denunciar “un desequilibrio entre áreas e ámbitos de coñecemento”, do mesmo xeito que o fixo a catedrática Concepción Paz Penín.
En sentido contrario a estas intervencións e defendendo a viabilidade dos orzamentos, interviñeron os profesores Vicente Romo e Carmen Ruiz Hidalgo.
5625 prazas de novo ingreso para o curso 2025/2026
Durante a sesión deuse tamén luz verde á solicitude dun límite de 5625 prazas de novo ingreso para o vindeiro curso 2025/2026, 3829 para titulacións de grao (sete menos ca este curso) e 1796 para titulacións de mestrado (63 máis), cifras que quedan agora pendentes da resolución final por parte da Secretaría Xeral de Universidades, que é quen ten a competencia de aprobar a oferta de prazas do SUG, e de que o Ministerio de Defensa faga o propio coas prazas correspondes ao Centro Universitario da Defensa, CUD.
Alfonso Lago, vicerreitor de Titulacións e Innovación Docente, foi o encargado de ir detallando as principais novidades, relacionadas no caso dos graos coa posta en marcha dos novos PCEO, Programas Conxuntos de Estudos Oficiais, coñecidos como ‘dobres graos’, previstos para o campus de Ourense. Por unha banda, o PCEO en Enxeñaría Informática e Intelixencia Artificial lanzarase con 10 prazas: 5 que se restan de Enxeñaría Informática -que pasa de 142 a137- e outras 5 a Intelixencia Artificial -descende de 50 a 45-. Pola outra, tamén se acordaron os límite de prazas para os dous PCEO da Facultade de Ciencias: Enxeñaría Agraria e Ciencias Ambientais, con 6 prazas, e Enxeñaría Agraria e Ciencia e Tecnoloxía dos Alimentos, con outras 6. “Neste caso son dous PCEO dos que xa se aprobou a declaración de interese e cuxa memoria está previsto se aprobe no Consello de Goberno do mes de xaneiro”, explicou o vicerreitor.
No caso das 1796 prazas ofrecidas para mestrado, o vicerreitor explicou que os cambios veñen derivados da implantación de sete novos títulos, dous que xa están autorizados deste curso – Economía Circular (10 prazas) e Ensino do español como lingua estranxeira ou segunda lingua (8)- e outros cinco novos: Mestrado en Literatura dramática, música e artes escénicas (25); Mestrado en Realidade Estendida (10); Mestrado en prevención e abordaxe multidisciplinar das drogodependencias e condutas aditivas (10); Ciencias do exercicio, preparación física e readaptación deportiva (12) e Creación artística contemporánea (25). “A maiores tamén está pendente de aprobación no BOE o Máster en Dirección TIC para a defensa que se imparte no CUD e, polo tanto, é o Ministerio de Defensa o que fai a oferta de prazas”, explicou o vicerreitor, quen tamén lembrou a extinción do Máster en Industria 4.0 e a suspensión para o curso 2025/2026 do de Enerxía e Sostibilidade.
Á marxe do límite de prazas, pero tamén dependente da Vicerreitoría de Titulacións e Innovación Docente, aprobáronse a Programación Docente Anual para o vindeiro curso, tanto en grao como en mestrado, así como varias modificacións non substanciais de grao e máster.
Oferta Emprego Público 2024: 126 prazas de PDI e 7 de PTXAS
O Consello de Goberno tamén aprobou este venres a Oferta Emprego Público 2024 para PTXAS e PDI. No caso do PDI, a oferta comprende 126 prazas, das cales 45 son de profesor titular e 51 de profesores permanentes laborais, todas elas de acceso libre e de 30 catedráticos, de promoción interna. Como explicou o reitor, non se atopan incluídas as prazas de axudante doutor, “que son as que equilibran, porque unha vez entra, serán os futuros profesores titulares ou permanentes laborais”.
No que se refire ao persoal técnico de xestión e administración, a xerenta avanzou que se convocarán sete prazas, seis delas de acceso libre e unha de promoción interna. Dúas serán do grupo A1, unha delas da escala técnico superior de servizos xerais (deportes) e outra de técnico superior de apoio á docencia e á investigación (microscopía electrónica). Outra será do grupo A2, de técnico medio de TIC, outras tres do grupo C1, de técnico especialista de apoio á docencia e á investigación na subescala de análise instrumental (unha delas de promoción interna) e outra tamén C1 técnico especialista de servizos xerais (condutor).
O Consello de Goberno aprobou o Procedemento de criterios de prelación para a selección de áreas para a saída a concurso de prazas de profesorado permanente laboral (PPL) a tempo completo, seguindo o mesmo procedemento que para catedráticos e titulares, aínda que adaptado PPL. En relación con esta cuestión, a vicerreitora de Profesorado e Ordenación Académica, Adela Sánchez Moreiras, sinala que “de feito, non había ningún acordo de Consello de Goberno para a selección de áreas para saída de prazas de PPL”.
Aprobados procedementos, modificacións e normativas sobre PDI
O Consello de Goberno aprobou o Procedemento de criterios de prelación para a selección de áreas para a saída a concurso de prazas de profesorado permanente laboral (PPL) a tempo completo, seguindo o mesmo procedemento que para catedráticos e titulares, aínda que adaptado PPL. En relación con esta cuestión, a vicerreitora de Profesorado e Ordenación Académica, Adela Sánchez Moreiras, sinala que “de feito, non había ningún acordo de Consello de Goberno para a selección de áreas para saída de prazas de PPL”.
Na sesión de hoxe, tamén se deu luz verde a modificacións na Normativa de dedicación e recoñecementos docentes, destacando un cambio importante relativo ao recoñecemento por coordinación e/ou liderado de proxectos de investigación internacionais ou europeos, pero tamén nacionais, “como un xeito de agradecer o traballo de xestión realizado polo profesorado nestes proxectos, e de motivalo para que se anime a solicitar máis”. Tamén se aprobou a Normativa reguladora dos concursos de acceso aos corpos docentes universitarios e ás categorías de PPL e profesorado axudante doutor, contemplando a posibilidade de incluír como máximo dúas materias básicas e/ou obrigatorias no perfil da praza que se convoca, o que non se contemplaba na normativa anterior. En canto á aprobación das áreas seleccionadas para a convocatoria de prazas de catedrático, titular e PPL, a vicerreitora de Profesorado incide na importancia de destacar a aprobación e creación dun total de 30 prazas de catedrático, 31 de titular (unha delas discrecional), e 32 de PPL (dúas delas discrecionais).
Outros puntos: premios extraordinario, calendario, spin-off ou prórroga do Plan de Igualdade
Nesta derradeira sesión do Consello de Goberno de 2024 tamén se aprobou a proposta de Premios Extraordinarios de Grao do curso 2023-2024. En total 55 distincións, das cales 13 son para estudantes do campus de Ourense; 13 para Pontevedra e 33 para alumado do campus de Vigo. Tamén se aprobou unha pequena modificación do calendario deste curso, conforme á cal, o segundo cuadrimestre comezará o 28 de xaneiro, día de San Tomé de Aquino, patrón da Universidade, xa que o día festivo se traslada ao luns 27.
Outro dos puntos aprobados foi a participación da UVigo no capital social da spin-off Serenia cunha achega de 1000 euros. A empresa nace para dar soporte comercial aos resultados do proxecto Celia, impulsado polo catedrático Francisco Javier González Castaño, do que resultou un asistente conversacional que acompaña e coida ás persoas sénior. Deste xeito Serenia poderá poñer no mercado este chatbot con capacidades empáticas, consistente en diversas librarías software e orientado ao entretemento e á monitorización terapéutica para persoas con capacidades limitadas de abstracción a través do acceso personalizado á información e depresión.
Tamén se aprobou a prórroga do III Plan de Igualdade entre mulleres e homes da UVigo durante o tempo necesario para avaliar este plan e realizar unha diagnose da situación da institución para, posteriormente, poder redactar o IV plan. Finalmente deuse o visto boa o regulamento polo que se establece e regula a canle interna de información da UVigo, establecendo o procedemento de xestión das información que se realicen a través desta así como prever e protexer os dereitos e as garantías das persoas que interveñan no proceso. O documento busca protexer os principios de confidencialidade, proporcionalidade e presunción de inocencia e protección das persoas informantes.
A sesión completouse coa aprobación do regulamento de réxime interno da Facultade de Educación e Traballo Social e da modificación do regulamento de réxime interno da Facultade de Fisioterapia.
Preocupación pola posible implantación de Dereito na UIE
Na quenda de intervencións abordouse a tramitación do novo grao en Dereito na Universidad Intercontinental de la Empresa (UIE). O representante do PDI Miguel Cuevas e a decana de Dereito no campus de Ourense, Susana Álvarez, amosaron a súa preocupación por un proceso que, segundo a decana, “vai en contra dos informes encargados pola Xunta de Galicia e vulnera a lei do SUG, art. 8 e 13, que estipula que a oferta das universidades privadas ten que ser complementaria e non competitiva coa oferta do sistema público”. O reitor recoñeceu que lle parece “un erro” a implantación de Dereito na universidade privada e amosou o seu rexeitamento a este proceso, avanzando que “se teño esa opción, no Consello Galego de Universidades votarei en contra” porque “non fan falta máis facultades de Dereito en Galicia porque o espazo está perfectamente ocupado polas catro titulacións que temos no sistema público que é moi forte e moi potente e dá formación