O Consello de Goberno aproba as seis candidaturas que optarán ao Programa ATRAE de incorporación de talento

Lugo,
Santiago de Compostela

O Consello de Goberno da Universidade de Santiago deu este mércores o seu visto bo a seis novas candidaturas para optar á convocatoria do Programa ATRAE 2025 de incorporación de talento. A proposta da USC está en liña coa política de atracción de talento consolidado á USC e súmase a apostas realizadas noutras convocatorias como a Ramón y Cajal e a Beatriz Galindo. As seis propostas quedan agora condicionadas ao informe favorable dos departamentos correspondentes.

A finalidade das axudas ATRAE, que lanzou a súa primeira convocatoria en 2023, é facilitar a incorporación de talento investigador consolidado, de recoñecido prestixio internacional e que teña desenvolto recentemente un período relevante da súa actividade profesional no estranxeiro.

Este programa financia en todo o Estado un total de 40 proxectos, cun financiamento de ata 1 millón de euros para un período de 3 ou 4 anos, e entre os requisitos para concederse está o compromiso de que o centro de investigación ou universidade convoque unha praza que posibilite a estabilización do investigador ou investigadora antes do remate do proxecto. Na convocatoria 2024 a USC foi a institución científica española que acadou un maior número de axudas, un total de 3: ‘Afrontar os desafíos da acuicultura en mariscos: resiliencia, sostibilidade e crecemento azul’, de César Lodeiros; ‘O cerebro de Babel: Cartografía de ecoloxías multilingües’, de Carmen Parafita, e ‘Ecoloxías de datos: exploración de formas de activismo medioambiental a través e contra os datos na sociedade das plataformas’, de Emiliano Treré.

Persoal
En materia de persoal, na xuntanza aprobouse a proposta de asignación a áreas de coñecemento e especialidades de dúas prazas vinculadas de profesorado de Medicina e de reducións de dedicación docente por desenvolvemento de accións especiais tamén a dous docentes así como unha rectificación dun erro nunha praza na área de Historia Contemporánea. As propostas de contratación e prórrogas de profesorado emérito e de nomeamento e prórrogas de profesorado e persoal investigador ad honorem foron outros asuntos a tratar que afectan o PDI.

Con relación ao PTXAS funcionario, debateuse o regulamento dos niveis mínimos e máximos dos corpos ou escalas así como a modificación do baremo de méritos para a provisión de postos de traballo.

Novos títulos
Xa no que se refire a cuestións académicas, o Consello de Goberno aprobou catro novos mestrados para implantar no curso 2026/27: Enxeñaría da Paisaxe, Infraestrutura Verde e Transición Rural; Planificación Territorial e Urbana; Traballo Social no Ámbito Sanitario; e Vehículos autónomos. Ademais, deu o visto bo á declaración de intencións para participar nun mestrado conxunto (Well-Being Oriented Healthcare) con varias universidades do Consorcio EuniWell.

Acordouse ademais modificar a proba de acreditación do nivel de coñecemento da lingua galega ou española para estudantado estranxeiro con lingua oficial distinta desas dúas para que agora examine de comprensión e expresión escritas e de comprensión oral e xa non de expresión oral.

Modificacións substanciais de títulos, as bases xerais de concesión dos premios extraordinarios de doutoramento da USC e o acordo das universidades do SUG sobre os procedementos de admisión aos estudos universitarios oficiais de grao foron outros temas académicos e normativos tratados na sesión deste mércores.

Calendario académico
O Consello de Goberno fixo ademais unha modificación do calendario académico que aprobara en marzo no referido á revisión das probas finais de avaliación e establece finalmente o 4 de setembro como data prevista para o acto oficial de inauguración do curso no SUG, que terá carácter non lectivo e non recuperable.

Outros asuntos
A integración da USC no Padroado da Fundación Uxío Novoneyra e os logo das Cátedras Institucionais de Intelixencia Artificial en Ciencias da Saúde e de Microelectrónica foron outros asuntos a tratar na xuntanza, ademais de cursos de estudos propios e regulamentos de traballos de fin de estudos.

Na sesión designouse ademais a persoa representante da USC no Clúster de Turismo de Galicia e cubriuse a vacante na Comisión para a atención aos casos de violencias sexuais, e o acoso por  razón de sexo, orientación sexual e identidade ou expresión de xénero.