Noia (A Coruña), 17 de xaneiro de 2025
A conselleiro do Mar, Alfonso Villares destacou esta tarde “o alto valor engadido da colaboración das entidades locais do GALP Costa Sostible” na dinamización das zonas costeiras a través dos proxectos executados ao abeiro das convocatorias de axudas de fondos FEMPA da Unión Europea nos pasados exercicios. Villares lembrou “o labor vital” dos Grupos de Acción Local Pesqueira na clausura da xornada organizada polo GALP Costa Sostible, que integra a entidades da franxa litoral de Fisterra e ría de Muros Noia.
O titular de Mar sinalou a importancia destas xornadas que permitiu unha retrospectiva das ideas transformadoras e o traballo dos GALP para impulsar a franxa litoral. Neste sentido puxo en valor o exemplo aportado no coloquio celebrado durante a tarde entre o restaurante O Salgadoiro, o RBS Craft de fabricación de embarcacións reciclables, Algamasa e Cabanas de Quilmas.
Xunta a estes, o conselleiro louvou o recoñecemento a diversos proxectos do sector pesqueiro, a economía azul, o impulso do patrimonio ambiental e a gobernanza e a cultura e o benestar. Neste sentido indicou que cada unha destas iniciativas “contribuíu ao cumprimento dos distintos obxectivos estratéxicos dos GALP”, entre os que citou a creación de empresas e xeración de emprego, a mellora e posta en valor da industria transformadora e comercializadora, o pulo ao desenvolvemento dun sector turístico sostible e a participación nos procesos de conservación patrimonio marítimo pesqueiro.
Horizonte 2027
Ante o éxito das iniciativas impulsadas en 2023 e 2024, Alfonso Villares reiterou o compromiso económico da Consellería do Mar cos GALP no horizonte 2027, poñendo a disposición nos orzamentos deste ano, un importe de 20,5 millóns de euros. Non en van, lembrou “que nas últimas convocatorias dos FEMPA -2023 e 2024- mobilizouse un investimento total de 29 millóns de euros grazas a unha achega pública de 16,5 millóns”. Finalmente insistiu en que o seu departamento “blinda a actividade dos GALP da man do FEMPA”.