O conselleiro de Ciencia loa o traballo en beneficio da sociedade das sete investigadoras mozas recoñecidas cos premios da RAGC e da UIE

Santiago de Compostela, 22 de xaneiro de 2025

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, participou hoxe no acto de entrega da primeira edición dos Premios RAGC-UIE para investigadoras e investigadores xoves, onde loou o traballo das sete profesionais recoñecidas polo seu traballo en beneficio da sociedade galega.

“A I+D+i é fundamental na mellora da calidade de vida das persoas”, sinalou Román Rodríguez, quen puxo como exemplo o traballo das gañadoras pola “súa contribución á sociedade, logrando o que queremos para Galicia: non só acelerar a transformación innovadora e gañar en competitividade, senón ser útiles á cidadanía para lograr que os distintos avances repercutan de xeito positivo na súa vida cotiá”.

Neste sentido, o representante do Goberno galego, que estivo acompañado polo secretario xeral de Universidades, José Alberto Díez, destacou a importancia destes galardóns, organizados pola Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) e a Universidade Intercontinental da Empresa (UIE) para impulsar a investigación científica en Galicia, potenciando as traxectorias de investigadores novos que desenvolven a súa carreira nos centros galegos.

Ademais, o conselleiro comprometeu o traballo do Goberno galego no fortalecemento e consolidación de Galicia como referente científico. “Para iso xa traballamos no novo Plan galego de investigación e innovación 2025-27 co que buscamos dar un grande impulso á capacidade innovadora de Galicia e fortalecer o noso tecido científico e empresarial, apostando sempre polo talento e a transferencia de coñecemento”, engadiu.

As científicas galardoadas

Este premio distingue a contribución da investigación ao avance das tres ramas de coñecemento: Ciencias Básicas, Ciencias Sociais e Ciencias Técnicas. Na categoría de Ciencias Básicas resultou gañadora a profesora da Universidade de Santiago (USC) Beatriz Pelaz, que traballa no desenvolvemento de nanomateriais para lograr fármacos máis eficientes. É, ademais, gañadora dunha bolsa ERC do Consello Europeo de Investigación apoiada polo programa Oportunius da Consellería de Educación e Ciencia. Nesta categoría recibiron os accésits a profesora da Universidade da Coruña (UDC) Susana Ladra e a profesora da USC Iria Gómez.

Na categoría de Ciencias Técnicas distinguiuse á profesora da Universidade de Vigo (UVigo) Belén Riveiro polo seu labor na avaliación de estruturas de enxeñaría civil para previr colapsos en pontes, estradas e vías férreas. Tamén é apoiada polo programa Oportunius da Xunta logo de ser finalista dunha ERC. O accésit desta categoría recaeu na profesora da USC Sara González. Finalmente, en Ciencias Sociais o recoñecemento foi para a profesora da USC Cristina Gómez, dedicada a estudar o comportamento das persoas en contextos de crises sociais e políticas, mentres que a profesora da UDC Ariadna Monje acadou o accésit desta categoría.

Deja un comentario