O Concurso de edición da Galipedia dará pulo á produción e á difusión de artigos de calidade contrastada en galego

Lugo,
Santiago de Compostela

As comisións de Normalización Lingüística das facultades de Matemáticas, Psicoloxía, Enfermaría e Humanidades, xunto á Escola Técnica Superior de Enxeñaría, promoven o Concurso de edición da Galipedia, iniciativa coa que se pretende dar pulo á produción e á difusión de artigos de calidade contrastada en lingua galega na Galipedia (wikipedia en galego) e fomentar a participación de toda a comunidade universitaria nunha iniciativa de extensión do saber e do coñecemento no idioma propio da USC. As persoas interesadas en participar, membros da comunidade universitaria da USC no curso académico 2024/2025, deben formalizar a súa inscrición antes do 20 de xuño a través dun formulario electrónico

Os obxectivos da segunda edición deste concurso son promover a produción e a difusión de artigos de calidade contrastada en lingua galega na Galipedia e fomentar a participación da comunidade universitaria nunha iniciativa orientada á promoción da lingua galega e da cultura. Teranse en conta as edicións feitas dende o 1 de xuño de 2025 até o 20 de setembro. O certame consiste en editar na Galipedia un artigo ou un conxunto de artigos, ben creándoos de novo, ben mellorando de forma significativa algúns xa existentes. Esas edicións deben realizarse como persoas usuarias rexistradas na Galipedia, para que as contribucións individuais de cada participante sexan identificables. Antes do 20 de setembro, deben presentarse estas edicións ao concurso tal e como se establece na convocatoria.

Os artigos, redactados en lingua galega, deberán encadrarse en calquera das cinco seguintes áreas de coñecemento: Psicoloxía, Matemáticas; Enxeñarías química, ambiental e informática, e intelixencia artificial; Enfermaría, e Patrimonio cultural galego. Unha mesma persoa autora poderá presentar a concurso artigos vinculados a unha ou a varias áreas de coñecemento. Concederanse dez premios, dous por área de coñecemento, de tal xeito que en cada eido haberá un primeiro galardón de 350 euros e un segundo de 150.