O Claustro Alto de Fonseca mostra a relación de Cela coas escritoras e artistas do seu tempo

Camilo José Cela aseguraba en 1962 nunha entrevista no diario Arriba: «Me proclamo feminista y me gustaría verlas sublevadas», en alusión ás mulleres escritoras coetáneas. Desta declaración hai máis de sesenta anos xurde a exposición ‘«Me proclamo feminista». A relación de Cela coas escritoras e artistas do seu tempo’ que dende este venres 6 permanecerá aberta ata o 4 de xullo no Claustro Alto do Colexio de Fonseca de luns a venres, de 11.00 a 14.00 e de 17.00 a 20.30 horas.

A inauguración da mostra tivo lugar este venres nun acto presidido pola vicerreitora de Estudantes e Cultura, Pilar Murias Fernández, e que contou tamén coa participación do conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude e presidente da Fundación Pública Camilo José Cela, José López Campos; o director Xeral de Cultura, Anxo Lorenzo Suárez; a directora da Fundación, Covadonga Rodríguez del Corral; ademais das persoas comisarias, Lourdes Regueiro e Iván Rodríguez

A mostra
O contacto entre Camilo José Cela e as mulleres que conforman esta mostra foi sobre todo epistolar, de aí a presenza de diversas cartas e de varios libros e fotografías dedicadas polas autoras. Tamén as artes plásticas están presentes nas obras que as pintoras lle regalaron a Cela, nun total de preto de cen pezas que ven por primeira vez a luz de forma conxunta.

A través da súa revista Papeles de Son Armadans, Cela recuperou os nomes dalgunhas das Sinsombreo que se atopaban no exilio. Rosa Chacel, Ernestina de Champourcín, Mª Teresa León, Concha Méndez e María Zambrano no só colaboraron na publicación celiana, senón que se cartearon co galego, misivas conservadas na súa Fundación en Iria Flavia. Tamén autoras galegas como Úrsula Heinze, Mª do Carme Kruckenberg, Luz Pozo Garza, Mª Xosé Queizán ou Pura Vázquez Iglesias mantiveron nalgún momento das súas vidas contacto con Cela.

Transcendendo a literatura, no terreo das artes plásticas, pódese ver esta pegada feminina no legado celiano. Obras de Mª Antonia Dans, Menchu Lamas ou María Roësset Mosquera forman parte da pinacoteca de Cela.

Doutra banda, o mundo da arte inclúe cantantes, actrices, directoras de cine… que lle amosaron a súa amizade ao escritor. Irene Gutiérrez Caba, María Asquerino, Sara Montiel, Imperio Argentina ou La Chunga homenaxearon a Cela ou lle mostraron o seu aprecio dun xeito epistolar, nalgúns casos, ou pictórico, noutros.
 

O acto inaugural presidiuno a vicerreitora de Estudantes e Cultura, Pilar Murias Fernández. Foto: Santi Alvite
O acto inaugural presidiuno a vicerreitora de Estudantes e Cultura, Pilar Murias Fernández. Foto: Santi Alvite