O CISPAC constitúe o seu Consello de Transferencia con sete institucións galegas de referencia

Lugo,
Santiago de Compostela

Promover e canalizar a relación entre o Centro de Investigación Interuniversitario das Paisaxes Atlánticas Culturais (CISPAC) e a sociedade, especialmente no ámbito da transferencia de coñecemento, é o cometido do Consello de Transferencia que este luns se constituíu no Edificio Fontán.

As entidades que se incorporan a este novo órgano do CISPAC son a Dirección Xeral de Turismo da Xunta de Galicia, o Consello da Cultura Galega, Caixa Rural, a EAPN – Rede Europea de Loita contra a Pobreza, a Fundación Juana de Vega, a Fundación RIA e o Consello Económico e Social (CES).

A presentación oficial do Consello tivo lugar nun acto que contou coas intervencións do equipo directivo do centro composto polo seu director científico e profesor da USC, Lourenzo Fernández Prieto; a directora adxunta, Laura Oso Casas; e o director de transferencia do centro, Xavier Simón Fernández.

Na sesión, as persoas representantes das entidades incorporadas explicaron o seu papel no Consello de Transferencia. Así, interviñeron Iván Meléndez Medela, director de Competitividade da Dirección Xeral de Turismo de Galicia; Rosario Álvarez Blanco, presidenta do Consello da Cultura Galega; José Manuel Andrade Calvo, director da Fundación Juana de Vega; Jesús Antonio Méndez Álvarez-Cedrón, director xeral de Caixa Rural Galega; Saray Durán Gato, membro da Xunta Directiva de EAPN Galicia e integrante de Ecos do Sur; Nerea Rivero, responsable de incidencia en vivenda, xénero e universidades de EAPN Galicia; Xosé Cuns Traba, director de EAPN Galicia; Manuel Rodríguez López, director da Fundación RIA; e Adrián Capelo Cruz coordinador de estudos, fotografía, edición e administración na Fundación RIA.

O CISPAC
O CISPAC, centro de investigación interuniversitario das paisaxes atlánticas culturais, é un centro singular de nova xeración, pioneiro na investigación fundamental e aplicada nos ámbitos das ciencias sociais e humanas. Constitúe un modelo de referencia que busca mellorar o aproveitamento das capacidades en I+D, coa confluencia de 108 investigadores e investigadoras de alto nivel que pertencen a 36 grupos de investigación das Universidades da Coruña, Santiago de Compostela e Vigo, que foron seleccionados por un comité asesor externo.