O CIMA celebra unha xornada de intercambio de experiencias dos bolseiros que desenvolven actividade formativa no centro de investigación autonómico

Vilanova de Arousa (Pontevedra), 28 de novembro de 2024

O Centro de Investigacións Mariñas (CIMA), dependente da Consellería do Mar, celebrou hoxe unha xornada onde o persoal titulado superior e o persoal do ciclo formativo superior presenten e compartan as experiencias durante a súa etapa como bolseiros neste centro de investigación. No evento participaron vía streaming o alumnado do Instituto Galego de Formación en Acuicultura (Igafa) da Illa de Arousa, e do centro Marqués de Sarmiento de San Cibrao – Cervo (Lugo), onde se acaba de implantar para este curso 2024/2025 as ensinanzas do ciclo medio de Acuicultura e na FP dual.

Tamén estivo presente a directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Marta Villaverde, quen puxo en valor o traballo que se desenvolve nos centros de investigación dependentes da Consellería con múltiples proxectos vencellados ao sector pesqueiro galego. Nesta liña, sinalou a importancia de reter o talento que saen dos centros de formación autonómicos, que son referentes a nivel nacional, para seguir reforzando ese labor investigador que permita afondar na innovación e competitividade dun sector estratéxico para a economía galega que representa o 4,8% do PIB e do que dependen ao redor de 50.000 empregos.  

Así amosaron a súa experiencia formativa Concepció Illanes que está preparando o seu TFM na Universidade de Coruña, Nuria González e Anxo Túnez, bolseiros de titulación superior, e Angela Fajardo, Lara Míguez e Iago Porto,bolseiros de ciclo superior. Tamén houbo unha mesa redonda composta por Luca Cheffer e Estela Herbón, que están realizando as súas FCT do ciclo medio do Igafa e Carlos Leiro e Andrés Casal do ciclo superior no mesmo centro. Na actualidade no CIMA están desenvolvendo actividades de formación como bolseiros dúas persoas con titulación superior, tres persoas con ciclo superior en acuicultura (unha en Corón e dúas en Ribadeo), unha persoa da Universidade da Coruña está realizando a parte experimental do seu TFM e unha persoa da Universidade de Vigo está  realizando as prácticas curriculares do seu grao.