O alumnado da Escola de Arte e Superior de Deseño Mestre Mateo mostra a súa creatividade cun desfile de moda no Gaiás

Santiago de Compostela, 20 de febreiro de 2025

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, destacou a formación, a creatividade e o traballo do alumnado da Escola de Arte e Superior de Deseño Mestre Mateo, que esta tarde celebrou a súa tradicional Gala Despunte, que cumpre a súa 15ª edición, na Cidade da Cultura. Para organizar o evento, este centro da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP conta cun importante apoio da Xunta de Galicia e do tecido empresarial galego.

“Felicito ao profesorado e ao alumnado polo traballo realizado. Galicia está presente na historia da moda e, grazas a vós, ese lugar seguirá sendo destacado”, subliñou o conselleiro. Xunto a el, asistiron tamén a directora xeral de Formación Profesional, Eugenia Pérez, a directora xeral de Xuventude, Lara Meneses, e a xerente da Fundación Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro. Todos eles participaron na entrega de premios. Román Rodríguez reafirmou “o comromiso da Xunta coas ensinanzas artísticas” e recordou que desde este curso a matrícula é gratuíta, ao igual que nas universidades.

Nesta edición concedéronse nove recoñecementos: os premios Despunte ao mellor traballo de fin de estudos nas especialidades de Deseño de Moda, Deseño de Produto,  premios aos mellores proxectos finais dos ciclos formativos de grao superior de Artes Plásticas e Deseño de Fotografía, Técnicas Escultóricas e Xoiaría Artística, o premio Fusión Artesanía e Deseño; o galardón Miscelánea, que distingue traballos de 3º curso de Deseño de Moda; o premio ao Proxecto de Moda máis Innovador, que inclúe a participación na San Telmo Fashion Week de Málaga, e o premio A Lingua da túa Terra, que recoñece dous proxectos que poñen en valor a lingua e cultura galega. 

Participación de empresas

O evento ten como obxectivo amosar ao público o talento e a capacidade creativa do alumnado da escola, así como o nivel dos seus proxectos fin de carreira. Como todos os anos, o desfile conta coa participación de empresas do sector como Coosy, El Pulpo, Adolfo Domínguez, Paudepedra, Tecnologías Marinas, González Almacén Fotografía, Fink Orfebres, Bimba y Lola, Signus Ecovalor, Galicia de Moda, Colexio Oficial de Xoiaía, Grupo Malasa e Inditex. 

Con este acto, a Escola de Artes e Superior de Deseño Mestre Mateo finaliza a I International Week of Arts and Design, unhas xornadas que contaron cun programa de conferencias, exposicións e actividades de promoción do talento. Román Rodríguez agradeceu a celebración desta iniciativa e destacou “a aposta da escola pola excelencia na formación artística, a proxección internacional e a empregabilidade do seu alumnado”.

Deja un comentario